Buscan unha solución "urxente" para que todo o alumnado do instituto de Cotobade teña comedor escolar
Por Redacción
A polémica xurdida no instituto de Cotobade, en Tenorio, ao quedar medio cento de alumnos e alumnas sen servizo de comedor tivo xa resposta por parte do Concello de Cerdedo-Cotobade e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. Segundo aseguran desde a administración local, están a traballar para buscar solucións.
O alcalde, Jorge Cubela, explicou este xoves, primeiro día do novo curso escolar, que traballa "man a man" con responsables de Educación para buscar unha solución "urxente e satisfactoria" que permita que todo o alumnado demandante do servizo de comedor escolar obteña praza.
Segundo a información facilitada polo alcalde, estas xestións céntranse na contratación dun auxiliar de cociña que poida garantir a axeitada atención a todos os escolares, de tal maneira que os 50 que están á espera de obter praza poidan tela.
O obxectivo do alcalde é "que ninguén se quede sen este servizo de comedor escolar" e contan con resolver esta circunstancia, "o máis axiña posible".
O rexedor explica que esta situación que se dá no instituto pon de manifesto o crecemento poboacional que está a experimentar o concello, sobre todo despois destes anos da pandemia da covid-19, cando se detectou un movemento de xente ás zonas rurais.
Os niveis de escolarización superan "as previsións máis optimistas" e o alcalde pide "tranquilidade" e "a máxima confianza", confiando en que "o problema vaise resolver".
Relacionadas:
-
Contratarán un auxiliar de cociña para dar solución ao comedor escolar no IES de Cotobade
Por Oskar Viéitez |
-
Queixas contra Monbús por non cubrir todos traxectos do transporte escolar en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Medio centenar de alumnos queda sen comedor escolar no Instituto de Cotobade
Por Oskar Viéitez |