Sanxenxo contrata un protocolo de danos previo ás obras da Praza do Pazo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo contratou un protocolo de danos e un estudo de viabilidade estrutural como traballo previo á licitación e execución da mellora prevista na Praza do Pazo. Ambos os traballos terán un custo de 17.890 euros e darán comezo o vindeiro luns.
A empresa Refuerza. Servicios de Ingeniería y Edificación encargarase de realizar un informe no que se deixará constancia do estado actual das 113 edificacións recollendo as patoloxías, danos ou defectos de construción tras a inspección visual da totalidade das estancias, fachadas e zonas comúns.
Ademais, tamén se realizará unha inspección por un técnico especialista en estruturas e patoloxías da praza, do estado de conservación da estrutura e da posible presenza de danos ou procesos patolóxicos que puidesen afectar de forma relevante á súa capacidade portante.
Os traballos inclúen un levantamento da xeometría e composición da estrutura medible con flexómetro, medidor láser e sonda magnética, sen a realización de catas, rozas ou ensaios destrutivos.
O alcalde, Telmo Martín, e as concelleiras de Planificación Territorial, María Deza, e de Urbanismo, Flavia Besada, asistiron este verán a unha xunta xeral das comunidades de propietarios dos edificios lindeiros á praza para solicitarlle unha mellora e modernización das fachadas dos edificios que garantan a seguridade e cumpran cuns criterios estéticos acordes á zona na que se atopan.
O proxecto de reforma da praza propón a creación de dúas plataformas horizontais de zonas verdes e outras dúas en pavimento de pedra, que se unirán con percorridos accesibles para potenciar a interacción social e a actividade comercial da praza.
A actuación centrarase nos 2.371 metros cadrados da praza, mellorando tamén a conexión entre a Rúa dos Mariñeiros e Rúa dos Cesteiros, convertendo o espazo nunha zona polivalente con capacidade para 1.350 persoas.
A vexetación cobra no proxecto especial relevancia como control solar térmico polo que está prevista a plantación de árbores de folla caduca e a colocación de 10 chorros de auga a modo de fonte.
A plataforma horizontal maior destinarase principalmente a actividades ao aire libre. A escaleira de accesos principal desde a Rúa Madrid incluirá tres zonas máis elevadas, a modo de bancadas, que xerarán bancos corridos con acabado en madeira.