'A Vilaboa resistente' ou como o diario manuscrito de José Casal en San Simón pode axudar a facer memoria
Por Redacción
O colectivo A Regaduxa de Vilaboa retomou este domingo a súa actividade habitual despois do parón da pandemia da covid-19 cun acto público en San Adrián de Cobres para presentar un proxecto para recuperar e editar o diario manuscrito de José Casal mentres estivo preso en San Simón.
O acto contou co apoio da Deputación Provincial de Pontevedra e a deputada de Memoria Histórica, María Ortega, comprometeu que a institución provincial traballará a reo para recuperar a memoria histórica de Vilaboa e poñer en valor figuras como a de José Casal.
O departamento de Memoria Histórica da Deputación tamén traballará para recuperar a figura doutras persoas represaliadas despois do Golpe de Estado de 1936 como Casilda Rosendo, Hermosinda Lamoso, Abelardo Sobral, Lola Cerqueiro, Manolo da Socorra, Susa Valladares ou Eligio Rey.
O acto, titulado 'A Vilaboa resistente', tamén contou coa participación de Carlos Ríos, integrante da Regaduxa; Alberte Blanco Casal, escritor veciño de Cobres familiar de José Casal; e a cantautora Sheila Patricia, que puxo música á xornada. Tamén acudiu o deputado autonómico do BNG Luís Bará, natural de Vilaboa.
María Ortega destacou que é preciso desmontar o relato franquista e dar a coñecer de xeito diferente a loita emprendida a principios do século pasado por persoas como José Casal, socialista, dirixente da Sociedade Agraria de Cobres e do sindicato naval.
Pola súa loita, acabou recluído en San Simón e Ezkaba xunto ao seu irmán Belarmino e o seu curmán Rogelio. "O fascismo castigaba así o seu traballo en prol dunha sociedade máis xusta e igualitaria e logo construía un relato onde as vítimas eran os verdugos e os asasinos, os próceres dunha patria da que nunca nos sentiremos parte", destacou Ortega.
Para a deputada é "un luxo" ter ferramentas para divulgar e poñer luz na historia como o diario manuscrito de José Casal, e "unha sorte" contar con persoas que durante anos e ante a pasividade da maioría das administracións dedicaron o seu tempo e o seu esforzo en recuperar a memoria como as que integran o colectivo A Regaduxa.
O acto supón o inicio de actividades que a Deputación ten estes días en Vilaboa. A vindeira fin de semana no Canteira Fest o departamento de Memoria da Deputación habilitará un espazo para que a xente nova poida achegarse á memoria a través dos talleres do Rabelo ou Xurxo Souto, do concerto de Najla, da creación do mural de Cestola na Cachola ou das representacións teatrais dos Quinquilláns e as Misións Pedagóxicas.
Relacionadas:
-
Familiares de persoas represaliadas participarán na performance sobre memoria histórica do Canteira Fest
Por Redacción |
-
A loita contra a "impunidade" será un dos eixos da área de Memoria Histórica da Deputación
Por Redacción |
-
As "Mulleres baixo o terror franquista" volven a Pontevedra ata o 10 de decembro
Por Redacción & Mónica Patxot |