IDADES recoñece a "extraordinaria labor" das auxiliares do SAF durante a pandemia
Os dous anos que convivimos coa pandemia serán lembrados desde o servizo de axuda a domicilio de Pontevedra como unha época de preocupación, de interrogantes e de experiencias que lles levaron a extremos descoñecidos ata ese momento.
Á dor, o duelo, a enfermidade ou o illamento sumáronse tamén os exemplos de esforzo, de valentía, de humanidade, de implicación e de compromiso das súas auxiliares, que atenderon aos que, naqueles días, estaban nunha situación máis vulnerable.
IDADES, a empresa que xestiona este servizo de atención domiciliaria, quixo recoñecer o extraordinario labor realizado por estas mulleres durante a crise sanitaria.
Fíxoo cun emotivo acto, celebrado o pasado venres na Casa Verde de Salcedo, no que homenaxeou a 28 das súas auxiliares, que durante a peor etapa da pandemia non abandonaron aos usuarios e proporcionáronlles unha atención e un coidado dignos.
"Desde IDADES convidamos a lembrar e non a esquecer, porque non queremos esquecer a quen confiou en nós nin o importante sacrificio que o persoal do servizo realizou, sendo os primeiros en arriscar a súa saúde para axudar a outros", sinala a compañía.
O acto, que estivo presidido polo xerente de IDADES, Víctor Durán, contou coa asistencia, entre outras autoridades, do concelleiro de Benestar Social en Pontevedra, Marcos Rey; e a presidenta provincial de Cruz Vermella, María Teresa Álvarez Quicler.
A esta entidade, IDADES quixo agradecer especialmente toda a colaboración que sempre presta aos integrantes do servizo de axuda domiciliaria en Pontevedra, tanto en labores de formación como proporcionándolles equipos de seguridade durante a pandemia.