Preocupación no CEIP San Martiño pola redución do profesorado de apoio
Por María José Pita
Cunha recollida de sinaturas, a ANPA do CEIP San Martiño de Salcedo dá un paso máis na súa denuncia da situación de desamparo na que se atopa o alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE).
A presidenta da Asociación de Nais e Pais do Alumnado (ANPA), Estrela Gómez, explica a PontevedraViva a situación. "Antes do inicio do curso, o centro solicitou que se aumentase o número de profesionais de Pedagoxía Terapéutica, e que o de Audición e Linguaxe pasase a traballar a xornada completa, xa que estaba só a media xornada".
A pesar de que o centro educativo realizou esta petición de modo formal, dende a Consellería de Educación non se atendeu esta demanda. A sorpresa ao comezo do curso foi maior. Non só non se reforzou o cadro de persoal, senon que o profesorado de apoio viu reducido o número de horas no centro.
Se o curso anterior o CEIP San Martiño contaba con dous profesores de Pedagoxía Terapéutica (PT), un para o ciclo de Infantil e o outro para Primaria, actualmente tan só hai un docente destinado a esta función de apoio, e por tanto tense que encargar de ambos os ciclos. O profesor de Audición e Linguaxe (AL) mantén a súa media xornada, imposible para abarcar todo o traballo no centro. Tamén o orientador está a exercer a media xornada. Ambos compatibilizan tarefas e horarios en dous centros escolares.
Tanto as familias como a comunidade educativa do San Martiño manifestan a súa preocupación porque, ademais de que o colexio aumentou en dous o número de escolares no presente curso, detectouse un incremento de alumnado con necesidades específicas de apoio, que van desde problemas de aprendizaxe ou linguaxe ata outras necesidades máis urxentes e para as que os pais presentaron o correspondente certificado con diagnóstico e avaliación previa. Desde a ANPA calculan que en torno ao 5% dos 185 escolares matriculados no presente curso necesita da atención e seguimento do profesorado de apoio, ademais doutras circunstancias que se poidan presentar ao longo do ano académico.
O mércores 7 de setembro, a ANPA do CEIP San Martiño presentou por Rexistro un escrito solicitando unha entrevista con Cesar Pérez Ares, o xefe territorial de Educación de Pontevedra, para ver a maneira de resolver esta situación. Tamén se tentou contactar por teléfono e vía correo electrónico tanto co xefe de área como coa inspectora, pero seguen sen obter resposta.
Este luns 12, a ANPA organizou unha asemblea para informar aos numerosos familiares que acudiron da grave situación á que se enfrontan os escolares debido a estes recortes por parte das autoridades educativas. Nesta reunión acordouse volver solicitar unha entrevista co xefe territorial de Educación e iniciar unha recollida de sinaturas á vez que se informa ás familias. En caso de non obter a correspondente resposta da Consellería de Educación non descartan iniciar mobilizacións.
Esta última opción é a menos desexable, xa que o curso avanza e temen desde a ANPA que os reforzos se van a demorar. Neste momento, ademais da redución do número de horas do profesorado de apoio, hai docentes que están a diversificar as súas funcións para non deixar desamparado ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
Estrela Gómez recalca que toda a comunidade educativa do colexio San Martiño está envorcada en atopar unha solución. "Incluso o centro destinou a un dos profesores de garda a tarefas de apoio, pero non é un especialista nestas funcións. Ademais, este curso dúas profesoras de Infantil están no equipo directivo, a directora e a xefa de estudos, e por tanto teñen a xornada de atención reducida", polo que urxe unha solución dende a Consellería.