Tenorio convoca este sábado 17 a veciños e visitantes a pasarse por esta parroquia de Cerdedo-Cotobade para participar na oitava edición da festa do pan de millo e ovo que se desenvolverá durante toda a xornada e que organiza a Asociación Cultural Foula.
Un dos seus integrantes, Miguel Fraguas, cóntanos en PontevedraViva Radio todos os detalles e preliminares da convocatoria, "na nosa zona do Canón de Pau e noutras tantas zonas, o pan de millo e os ovos foron un alimento de sustento, eran cousas ás que había acceso e coas que se podía alimentar a xente". A día de hoxe, engade, tanto o millo como os ovos están presentes no municipio "cos traballos do campo".
Por edicións anteriores, terán dispostos máis de mil ovos para servilos fritos mesturado co pan desmigado: "un manxar, un prato que debería estar máis presente". O menú matinal engadirá tamén pratos de degustación ao redor destes produtos, así como algún que outro alternativo para dar opcións a outros padais. Será entre as 13.00 e ata as 20.00 horas e despois ofreceranse outros menús como cea.
Ademais da parte gastronómica, a festa xira igualmente ao redor de propostas culturais. A sesión vermut comezará ás 13.00 horas "cos auténticos" Gaiteiros das Rías Baixas que se dedican a "difundir o toque pechado de Ricardo Portela". Tamén se homenaxeará a "un gaiteiro da zona e que foi coetáneo de Portela".
Ás 15.00 horas actuarán as Pandereteiras do Val de Quireza e unha hora despois a Banda de Música de Tenorio. Ás 18.00 horas o público infantil poderá gozar dunha sesión con Magín Blanco. Os máis pequenos contarán durante a xornada cunha zona infantil tamén gratuíta, con inchables e monitores.
Para a velada, ás 21.00 horas subirán ao escenario Os D'Abaixo e para completar o programa, un conxuro con queimada gratis a cargo de O Bruxo do Río. Ademais durante o día haberá unha zona expositiva de artesanías.