Conclúe un verán que segundo as cifras que se van achegando foi satisfactorio para o turísmo. Así, sentamos aos micrófonos de PontevedraViva Radio a varios interlocutores do sector da hostalería e a restauración para expor a seguinte pregunta: e despois deste verán, que?. Charlamos con Daniel Lorenzo, presidente de HOEMPO e propietario do pub La Pomada; Carlos Lusquiños do Restaurante Maki e Camilo Garrido de Acolá Hostel para chequear estes meses e coñecer tamén as súas perspectivas ante o outono e inverno próximos.
A conclusión satisfactoria é que efectivamente foi un bo verán, con algunhas diferenzas para uns e outros, entre xuño e setembro, dependendo se a actividade refire á hostalería nocturna ou a restauración. E tamén que a prolongación do Xacobeo a este 2022 foi beneficiosa. Outra tesitura que todos lastran é a subida dos custos de actividade: "non puidemos subir o que nos subiron a nós, pero foi necesario facelo para facer viables os nosos negocios", comentan.
Expomos ademais outra cuestión que estes meses estivais estivo presente nos medios de comunicación: a falta de persoal. Argumentan que "pasa tamén co persoal doutros sectores, non hai empregados, pero parece que se pon á hosteleria como os malos: é escravo, págase mal..." e defenden que "cada vez a hostalería é máis profesional, ten máis formación e ese é o camiño".
Mirando ao outono e inverno que se augura queren ser optimistas e positivos. Daniel Lorenzo, presidente de HOEMPO di neste podcast das 'Conversas na Ferrería': "despois deste verán imos seguir moi ben. Quero lanzar esta mensaxe e quero que cale, a pesar de que nos estean dando por todos lados e non só á hostalería, a todos. Se pensamos así e non nos cortamos polo medo que nos poidan meter desde a política, medios de comunicación, etc, imos saír adiante como sociedade e isto ímosnolo a comer".