A falta de auga ten que ver co quecemento global, a súa sobreexplotación, mal uso e contaminación "e todo isto provoca unha tormenta perfecta" afirma o invitado ao podcast 'Cara a cara', Enrique Varela Álvarez. A tesitura que se viviu este verán en España non é excepcional senón que vai ser recorrente "isto é o que vai ocorrer e para o que temos que estar preparados. O futuro é xa".
Enrique Varela é decano e profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo, situada no Campus de Pontevedra. Forma parte de equipos de investigación en cooperación territorial e transfronteiriza en España, Portugal, Europa e América. Tamén é asesor de COXAPO, unha asociación sen ánimo de lucro que creou un sistema de gobernanza ao redor das traídas para uso doméstico. Actualmente están a participar en Galicia máis de 70.000 persoas con ao redor de 170 traídas.
A auga motivou conflitos políticos, xeopolíticos e estratéxicos, é causa de migracións e tamén sostén a vida, tanto en ámbitos urbanos como rurais. Poñer sobre a mesa o debate sobre o futuro da xestión da auga "non pode ser conxuntural porque é un problema planetario" e por tanto "hai que sacalo das modas e das axendas electorais" para "poñelo nun contexto máis amplo e ver que facemos sabendo que non é un problema de fácil resolución".
A súa xestión non é competencia unicamente de gobernos, de entidades públicas e privadas. Os cidadáns teñen tamén moita responsabilidade ante a auga como recurso de uso común - do mesmo xeito que o aire ou as pesqueiras -, "eu creo que están en primeiro plano. Non é unha adenda, é o eixo do cambio" di Varela en PontevedraViva Radio.