A Deputación intercambia coñecemento con Gipuzkoa sobre mobilidade sustentable
Por Redacción
A 'Viaxe Ágora' feita pola Deputación de Pontevedra a Guipuzkoa chegou este venres ao seu final tras facer un intenso intercambio de coñecemento sobre mobilidade sustentable por Logroño, Bilbao e Donosti.
Na reunión participaron o vicepresidente César Mosquera e os deputados de Mobilidade Uxío Benítez e de Infraestruturas Gregorio Agís, acompañados de persoal técnico do departamento de Mobilidade provincial, xunto a Rafaela Romero, deputada de Mobilidade e Ordenación do Territorio, Ander Iturri, director de Mobilidade, e Miguel Ángel Crespo, director de Ordenación da Diputación Foral.
No encontro, os representantes pontevedreses amosaron grande interese pola rede de máis de 400 kilómetros de vías ciclables existentes na provincia ('bidegorris'), o seu modelo de construción e mantemento, co fin de poder extrapolar as súas vantaxes ao territorio pontevedrés. Un deles foi premiado pola Unión Europea.
Tamén falaron da política de subvencións da Deputación gipuzkoana para la recuperación de espazos e urbanismo de xénero nos concellos, o transporte público, así como sobre a política de mobilidade ciclista para a que a institución vasca inviste unha media de 5 millóns de euros anuais.
A deputada Romero explicou datos como o aumento do uso da bicicleta nun 60% durante a pandemia ou que as sendas están deseñadas nalgúns casos de maneira paralela ás vías provinciais, de maneira segregada, e outras individuais, con trazado propio ou recuperando vellas infraestruturas en desuso cando xorden alternativas para mobilidade motorizada -variantes de estradas-.
Destacou, tamén, o "importante" intercambio que se produciu entre ambas deputacións. "Apostas que teñen un obxectivo común, a transformación dos territorios para recuperar espazos públicos para a xente e unha mobilidade que atenda a toda a xente", indicou.
Pola súa banda, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez salientou este intercambio como unha forma de aprendizaxe ao estar Gipuzkoa "máis avanzado", no eido da mobilidade ciclable, algo que "para nós vai ser unha referencia".
Gregorio Agís tamén afirmou que o coñecemento que recolleron durante a reunión "se aplicará en Pontevedra" e sinalou que "gustaríanos que o modelo de transporte de Gipuzkoa, infinitamente mellor que o da Xunta, se implantase no noso territorio polas consecuencias que ten en canto á mobilidade amable e que as persoas independentemente dos seus recursos, poidan moverse no territorio".
Ao finalizar o encontro, a comitiva pontevedresa visitou o centro de control do transporte urbano da Deputación Foral, e finalmente acudiu á zona de Pasaialdea e Trintxerpe, coñecida como a quinta provincia galega pola súa moita poboación de orixe no país, sobre todo da zona de Marín e Poio, na que se fixeron actuacións de reforma e recuperación de espazo público.
Relacionadas:
-
A Deputación forma a policías locais para defender o espazo público para as persoas
Por Redacción |
-
O Grove recibe unha axuda da Deputación para humanizar catro rúas
Por Redacción |
-
A Deputación súmase o Día Mundial sen Coches poñendo en valor o seu modelo de mobilidade
Por Redacción |
-
A Deputación divulga o 'Modelo Ágora' na Universidade Politécnica de Cartagena
Por Redacción |
-
Os técnicos provinciais toman nota do manual técnico e guía de Biscaia para o deseño de rutas ciclistas
Por Oskar Viéitez |
-
Mosquera imparte en Logroño un seminario intensivo sobre mobilidade urbana
Por Redacción |