Agrédeno para roubarlle no baño da estación de autobuses de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Xa non se pode nin ir ao baño tranquilo, que llo digan a un home que acudiu aos servizos da Estación de Autobuses de Pontevedra para aliviar as súas necesidades. Alí foi foi vítima dun atraco.
Sucedeu sobre as 11.00 horas da mañá do día 2 de novembro. O atracador abordou á vítima por detrás cando se atopaba no interior dos baños da estación tratando de arrebatarlle a carteira. Iniciouse entón un singular forcexeo.
Durante este rifirrafe o autor do roubo empuxou e deu un puñetazo nun ollo á súa vítima causándolle a rotura das lentes graduadas, ademais de lesións na sien e o pómulo.
O ferido foi trasladado por unha dotación do 061 ao Hospital Montecelo para ser asistido xa que precisou de puntos de sutura.
Ademais da ambulancia ata a estación desprazáronse varias patrullas policiais que montaron un dispositivo na procura do autor da agresión polos alrededores sendo localizado na rúa Fontesanta.
No momento da detención os policías comprobaron como o presunto autor presentaba unha inflamación na man dereita.
Os axentes da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra procederon á detención deste sospeitoso, un home de 26 anos de idade, veciño de Pontevedra, natural de Rumania, como presunto autor dun delito de roubo con intimidación.
Unha vez tramitado o correspondente atestado policial, o detido foi posto a disposición do Xulgado de garda de Pontevedra.