Sanxenxo abre o prazo de inscrición da escola de música, o centro de arte e a ludoteca
Por Redacción
A concellería de Cultura e Educación abre este martes o prazo para a inscrición na ludoteca, a escola de música e o centro de arte que ofrecen 500 prazas. Sanxenxo dispón dunha oferta de actividades educativas complementarias de calidade, razón pola que a demanda vén superando a dispoñibilidade de prazas.
Mesmo aínda que se dobrou o seu numero, como é o caso da escola de música que pasou das 112 dispoñibles en 2018 aos 225 alumnos que poderán inscribirse este ano. Pero como os alumnos do ano pasado teñen dereito a renovar automaticamente a súa inscrición só quedan 10 prazas por cubrir. E como a demanda superará esta cifra, créase unha lista de espera por se durante o curso prodúcese algunha baixa.
Sanxenxo mantén conxelado desde hai seis anos en 8 euros mensuais o custo da ludoteca, 9 euros a escola de arte e entre 20 e 40 euros a escola de música segundo o nivel académico. Unhas tarifas difíciles de atopar noutros concellos e que as familias agradecen, especialmente cando todo sobe e a inflación está disparada.
A concelleira Paz Lago explica que "tentamos ofrecer ás familias unha oferta educativa de calidade a un prezo moi alcanzable, é o noso granito de area".
A inscrición da ludoteca (240 prazas) e o centro de arte (40 prazas) pode facerse de maneira presencial no rexistro do Concello ou na sede electrónica facilitando copia do libro de familia ou no seu caso o título de familia numerosa.
Para formalizar a inscrición en calquera das especialidades que ofrece a escola de música hai que solicitalo de maneira presencial no Pazo Emilia Pardo Bazán ou no correo electrónico lied_em@sanxenxo.es.
As especialidades que se impartirán no curso 2022/23 son: Iniciación musical (3 e 4 anos), música e movemento (5 e 6 anos), linguaxe musical e instrumento (a partir de 7 anos). As materias instrumentais son: oboe, frauta, clarinete, saxofón, fagot, trompa, trompeta, trombón, tuba/bombardino, percusión, violoncelo, contrabaixo, guitarra e piano.