Poio licita a mellora da pista do pavillón da Seca
Por Redacción
A concelleira de Deportes do Concello de Poio, Marga Caldas, vén de manter unha reunión con representantes do tecido deportivo e clubs do municipio, para trasladarlles os detalles da actuación que o Concello levará a cabo no pavillón polideportivo da Seca.
Trátase da mellora integral da superficie e o proxecto atópase actualmente en fase de licitación, logo de que a Xunta de Goberno dese luz verde á aprobación do expediente.
"O seguinte paso será confirmar a adxudicación e, a partir de aí, poderán comezar os traballos", apunta.
Caldas incide na importancia de acometer estas tarefas, "moi necesarias" para arranxar os problemas e deficiencias que se detectaron na superficie.
"Hai que ter en conta que o pavillón é moi utilizado para competicións e adestramentos, polo que acometemos esta actuación para garantir unhas condicións óptimas na infraestrutura", apuntou a edil de Deportes, que cifra en preto de 150.000 euros o investimento que realizará o Concello para que nos vindeiros meses o pavillón da Seca pase a contar cunha nova superficie homologada e de última xeración.
Marga Caldas lembrou tamén que actualmente estanse a executar traballos de mellora similares no pavillón do CEIP Lourido, que tamén pasará a contar con pista homologada, o que permitirá "que estas instalacións poidan acoller partidos oficiais e máis adestramentos, especialmente durante o tempo no que o pavillón da Seca non estea operativo polas obras ".
A maiores, segue avanzando a substitución do céspede sintético da Reiboa.