O Ministerio de Facenda 'levanta' o plan de axuste ao que estaba sometido Sanxenxo desde 2012
Por Redacción
O Ministerio de Facenda aceptou a solicitude do Concello para dar por finalizado o plan de axuste económico ao que estaba sometido Sanxenxo desde o ano 2012.
Desde o goberno local destacan que transcorreron 10 anos nos que Sanxenxo fixo un "exercicio de prudencia" na xestión económica "que lle permitiu reducir a súa débeda dos 13,1 millóns de euros do ano 2012 á situación actual que é de débeda cero".
Engaden que a situación de equilibrio económico actual "é o resultado do esforzo de catro gobernos", o presidido por Catalina González entre 2012 e 2015, o cuadripartito liderado por Gonzalo Pita entre 2015 e 2017 e os dous gobernos de Telmo Martín entre 2017 e 2022.
En 2012 o plan de axuste obrigou a tomar decisións "moi difíciles" que conlevaron importantes recortes nalgúns servizos "que aos veciños loxicamente custoulles entender", recoñece o Concello. "Tamén, houbo que establecer unha disciplina no control do gasto que nos permitiu alcanzar a situación de equilibrio actual", indica o goberno local.
O executivo que dirixe o alcalde Telmo Martín destaca que "Sanxenxo é un concello que paga aos seus provedores sen atrasos e que deixou atrás, definitivamente, a época das facturas esquecidas nos caixóns que entón era tan habitual no conxunto das administracións".
Ademais, sinalan que "desde 2017 Sanxenxo foi capaz de compaxinar a redución da débeda coa baixada de impostos ata o mínimo (IBI 0,40% e 95% bonificación de plusvalía en residencia habitual) o impulso de numerosas actuacións nas sete parroquias en colaboración con outras administracións e a mellora dos servizos municipais como garderías, centro de día, SAF, escola de música, piscina municipal, reforzos de verán, etc.; actuacións de interese social que só serán posibles mentres o Concello manteña contida a súa débeda".
O goberno local cre que "se aveciñan tempos malos para a economía", pero sostén que "Sanxenxo afróntaos nas mellores condicións".
"Aproveitamos os últimos anos para impulsar proxectos que os veciños levaban demandando desde hai moitos anos, imos modernizar a rede de saneamento, depuración e abastecemento de auga grazas ao convenio con Acuaes e as melloras que terá que facer a nova concesionaria. Entre ambas as actuacións supoñen un investimento superior a 30 millóns de euros e, por último, temos unha situación de equilibrio económico que nos dá unha marxe para poder amortecer os malos tempos", conclúe.