As policías Local e Nacional de Pontevedra manteñen unha colaboración "excepcional" para protexer unha cidade "segura"
A colaboración entre as policías Local e Nacional de Pontevedra atópase nun bo momento e tanto o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, como o comisario provincial, Juan José Diaz Jiménez, destacan que manteñen unha relación "excepcional". Esa colaboración, segundo o responsable policial, mesmo é "do mellor que vin".
Fernández Lores e Diaz Jiménez mantiveron este mércores o seu primeiro encontro oficial tras o nomeamento do novo comisario provincial o pasado mes de xullo e, tras unha reunión privada de media hora de duración, compareceron #ante os medios de comunicación.
Na súa comparecencia, Lores constatou que o Concello quere "ter a máxima relación posible coa Comisaría provincial" e que existe colaboración entre o responsable da Policía Local, José Manuel Duarte, e o novo comisario provincial.
O responsable da Policía Nacional na provincia confirmouno e sinalou que esa colaboración entre corpos policiais está "a funcionar á perfección" co fin último de dar un servizo público e garantir a seguridade dos pontevedreses.
O alcalde destacou que Pontevedra é "relativamente tranquila con respecto a outras cidades" e o comisario que é unha cidade "segura" que el xa coñecía de antes porque en 2011 xa chegou a Pontevedra para dirixir a Comisaría de Marín e logo pasou por Vilagarcía e Vigo antes de converterse en responsable de toda a provincia.
A preguntas dos medios de comunicación, o comisario provincial explicou que a principal preocupación en materia de seguridade en Pontevedra é, como no resto de España, o repunte da ciberdelincuencia, pois a pandemia levou a un aumento do comercio electrónico e das estafas cometidas a través de internet, que non son máis que "a tradicionais estafas de toda a vida que se traspasaron ao marco dixital".
Juan José Diaz indicou tamén que, a nivel de persoal, a Comisaría Provincial ten "capacidade dabondo" para atender á seguridade dos pontevedreses, aínda que "sempre se pode mellorar" e que as instalacións actuais da rúa Joaquín Costa son "bastante operativas" e, tras a última reforma acometida nos os últimos anos, quedaron "moi ben".
Relacionadas:
-
A ocupación "non é un problema" en Pontevedra con casos "que non son significativos"
Por Redacción |
-
O comisario provincial constata un "pequeno repunte" do tráfico de heroína en toda España e parte de Europa
Por Natalia Puga |
-
Ningunha denuncia en Pontevedra por picadas de submisión química, pero "se pasa, directamente ao hospital"
Por Natalia Puga |
-
O novo comisario da Policía Nacional márcase como reto atallar a ciberdelincuencia e confirma un "pequeno descenso"
Por Natalia Puga |
-
Juan José Díaz Jiménez, novo comisario provincial da Policía Nacional
Por Natalia Puga |