Poio agarda aprobar antes de fin de ano a nova ordenanza reguladora da ocupación da vía pública
Por Redacción
O Concello de Poio agarda aprobar antes de que remate o ano a nova ordenanza da ocupación de vía pública, que servirá para garantir a compatibilidade do uso en espazos públicos para o establecemento de instalacións turísticas, comerciais, hostaleiras ou de lecer, ao tempo que se garante o tránsito peonil e de vehículos, garantindo o respecto pola contorna.
Este foi un dos temas abordados na Comisión de Facenda celebrada este mércores, na que, tal e como explica o concelleiro responsable de Facenda e Patrimonio, Xulio Barreiro, fíxoselles entrega a todos os grupos dun borrador inicial, co obxectivo de "aprobar un documento definitivo baseado no consenso e coa posibilidade de que toda a corporación poida realizar as achegas que considere axeitadas para facer unha ordenanza o máis completa posible".
Ademais, Barreiro tamén adiantou que o borrador poderá ser consultado pola cidadanía nos vindeiros dez días a través da sede electrónica do Concello.
Barreiro Lubián apunta que "nos últimos anos produciuse un incremento da demanda do uso de espazos públicos por parte de establecementos comerciais. Debemos dar resposta a esta demanda, garantindo que, ao mesmo tempo, non se produzan problemas de circulación, accesibilidade, tránsito e mesmo ruídos".
O regulamento contemplará cuestións como a determinación dos espazos a ocupar, así como o período de tempo e horarios, ademais de definir os criterios da ocupación e o réxime de sancións que se aplicará no caso de incumprimento.
O concelleiro de Facenda e Patrimonio adianta, ademais, que nas vindeiras semanas organizaranse reunións en diferentes puntos do municipio, co obxectivo de dar a coñecer os detalles do borrador entre a veciñanza e o sector.