Avanzan sen problemas as obras na rotonda do Vinquiño e no vial de Contumil
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou as obras de mellora da glorieta do enlace da autovía do Salnés coa estrada PO-504 en Sanxenxo. As actuacións, cun investimento de preto de 48.000 euros, teñen un prazo de execución dun mes e medio.
Estes traballos acométense tras rematar na primavera a mellora da capacidade deste enlace, co fin de acondicionar a entrada principal a Sanxenxo.
Acondicionarase o anel interior da glorieta, así como as illetas nos accesos. Tamén se procederá á renovación do axardinamento da glorieta e á colocación dunhas letras retroiluminadas co nome “Sanxenxo”, orientadas ao acceso desde a autovía.
Unha vez finalizados os traballos, o Concello de Sanxenxo comprométese a asumir a conservación e mantemento da rotonda, ademais de renovar a iluminación interior da glorieta.
Pola súa banda, está previsto que conclúan esta semana os traballos de asfaltado e pintado do vial que comunica Contumil coa autovía e as vilas de Sanxenxo, Portonovo e Vilalonga.
Contumil é un dos centros neurálxicos da parroquia de Nantes porque concentra varios equipamentos moi concorridos: o colexio, a Cultural de tenis, a pista deportiva cuberta, a casa de cultura, o edificio da comunidade de montes e unha zona de esparexemento con parque infantil.
A zona estaba moi mal comunicada co resto do Concello, tiña unha pista estreita, bacheada e sen espazo algún para os peóns.
O investimento de 506.939 euros procedentes do Plan de Concellos da Deputación permitiu transformar unha pista en mal estado nun vial de 8 metros cunha senda peonil de dous metros de ancho e de formigón colorado.
Así mesmo mellorouse a rede de saneamento e instalouse unha rede de pluviais da que carecía. Tamén se dotou de iluminación (35 farois) en todo o seu percorrido e creouse unha zona de descanso con bancos e árbores.
Relacionadas:
-
Licitada a nova senda peonil O Viquiño-Contumil para mellorar a seguridade viaria
Por Redacción |
-
Un millón de euros da Deputación para a transformación urbana e viaria de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Previsto un plan de asfaltados de viais de Sanxenxo por máis de 866.000 euros
Por Redacción |
-
A glorieta de enlace da Autovía do Salnés xa exhibe o nome de Sanxenxo
Por Redacción |
-
As obras da senda peonil O Vinquiño-Contumil concluirán en dúas semanas
Por Redacción |
-
Máis de 750.000 euros para mellorar a seguridade na estrada PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción |
-
Comezan os traballos para crear a senda peonil entre O Vinquiño e Contumil
Por Redacción |