A Deputación súmase o Día Mundial sen Coches poñendo en valor o seu modelo de mobilidade
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra súmase este xoves 22 de setembro á celebración do Día Mundial sen Coches coa posta en valor do seu modelo de mobilidade sostible e segura e de recuperación do espazo público para as persoas.
O vicepresidente provincial, César Mosquera, e deputados do grupo de goberno percorreron ata oito actuacións que exemplifican a transformación do territorio ao abeiro deste modelo, desenvolvidas nas distintas comarcas da provincia.
César Mosquera declarou nesta xornada internacional que a Deputación procurou estender a nova "filosofía do espazo urbano" a todos os municipios e en coordinación "ir executando actuacións que fan que hoxe toda provincia sexa unha referencia na recuperación do espazo público e redución do tráfico", dixo.
"Algunhas obras supuxeron unha transformación enorme e outras foron menores, pero todas das suman para lograr unha mellora de calidade de vida, calidade urbana e que a xente teña menos medo aos coches, menos accidentes e máis espazo para gozar", salientou Mosquera.
O deputado Gorka Gómez visitou Cerdedo-Cotobade para celebrar este Día Mundial Sen Coches cunha obra que exemplifica o impulso da Deputación en toda a comarca. Esta actuación, que foi financiada ao abeiro do Plan Concellos, modificou o deseño do núcleo da Chan, na parroquia de Carballedo, coa recuperación do espazo público mediante a ampliación da praza cunha vía de plataforma única e o redeseño da contorna da capela de San Roque.
O deputado estivo acompañado polo tenente de alcalde Fernando Vázquez, que incidiu na necesidade "de poñer en valor os espazos públicos que temos no rural". "Estamos moi contentos –engadiu- de ter feito esta obra aquí coa Deputación, porque se puxo en valor unha praza que era moi antiga e con valores patrimoniais".
A CAPITAL
As políticas da Deputación a prol do novo modelo de mobilidade e recuperación do espazo público deixáronse sentir tamén na cidade de Pontevedra, onde a Administración provincial investiu máis de 5 millóns de euros a través de convenios co Concello. Entre as actuaicóns realizadas están os novos accesos ao centro Príncipe Felipe, o novo acceso a Monte Porreiro, a mellora de estradas municipais, a ronda Leste e o novo viario para conectar a rúa Rosalía de Castro coa avenida de Marín, en planificación.
Na comarca de Pontevedra, a Deputación investiu nos últimos sete anos case 25 millóns de euros en 130 obras executadas ou en execución para avanzar na transformación do espazo público a través do seu modelo de mobilidade sostible e segura. Delas, máis de medio centenar foron financiadas a través do Plan Concellos, que achegou 6 millóns de euros para actuacións entre as que figuran a urbanización da Travesía República Argentina en Marín ou as humanizacións desenvolvidas da contorna da rúa do Adro e a travesía Porteliña en San Salvador (Poio); na rúa Número 7 de Moraña ou en diversas rúas no concello de Campo Lameiro.
No que se refire aos plans extraordinarios, acometéronse 11 obras por valor de 4,2 millóns de euros. O plan Deporemse, permitiu abordar a mellora da mobilidade viaria na contorna dos centros culturais e educativos no lugar da Chan (Moraña); mellorar a seguridade viaria en distintos lugares de Barro; a actuación integral de mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna da Seara (Poio) ou desenvolver a peonalización da rúa José Antonio, a conexión entre a Casa Consistorial e a barriada da Chanciña en Campo Lameiro. Por outra banda, o Plan ReacPon vai permitir mellorar a área do río Bermaña en Caldas; a reordenación da praza Frei Antonio Orge en Ponte Caldelas ou a humanización da contorna do mercado municipal de Marín.
Desde a área provincial de Infraestruturas abordáronse 26 obras de mellora da seguridade viaria, cun investimento total de 8,2 millóns de euros, entre as que hai que destacar a mellora da seguridade viaria na EP-8402 Cuntis-Cequeril na Rúa da Palma; a mellora da seguridade viaria na EP 8101 Portas-Romai ou a recuperación do espazo e a mellora da mobilidade peonil na EP-0508 Curro-San Amaro, ao seu paso pola praza de San Amaro en Barro.
Por outra banda, abordáronse unha trintena de actuacións de calmado de tráfico e de instalación de elementos de redución da velocidade na comarca, financiouse a redacción dos plans de mobilidade urbana sustentable (PMUS), construíronse camiños escolares seguros e subvencionouse a redacción de novos proxectos de recuperación de espazos públicos a través do plan Ágora.
Relacionadas:
-
Remata a segunda actuación do Pacto pola Paisaxe
Por Redacción |
-
O PP pide que a Deputación destine "integramente" aos concellos o incremento que vai recibir nas transferencias do Estado
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación divulga o 'Modelo Ágora' na Universidade Politécnica de Cartagena
Por Redacción |
-
A Deputación intercambia coñecemento con Gipuzkoa sobre mobilidade sustentable
Por Redacción |
-
Os técnicos provinciais toman nota do manual técnico e guía de Biscaia para o deseño de rutas ciclistas
Por Oskar Viéitez |
-
Mosquera imparte en Logroño un seminario intensivo sobre mobilidade urbana
Por Redacción |