O Café Moderno busca novos inquilinos para a súa cafetería
Por Alejandro Espiño
Case dous meses despois de que pechasen por vacacións do persoal, a cafetería do Café Moderno segue sen reabrir as súas portas. E, por agora, non o fará. A empresa que xestionaba este establecemento comunicou a Afundación que renuncia a seguir explotándoa.
"Esperamos que isto se solucione canto antes", sinalan fontes da entidade consultadas por PontevedraViva, que confirman que xa comezaron os trámites administrativos para buscar novos inquilinos para esta cafetería.
Iso si, antes quedan por resolver "flocos" coa actual concesionaria. O seu contrato con Afundación expiraba o próximo mes de decembro, polo que "hai que realizar unha serie de trámites previos para poder formalizar o cambio".
Por iso é polo que desde Afundación non se aventuren a dar prazos concretos para que se reactive o servizo de cafetería neste emblemático edificio porque "vai depender do que se demoren" as xestións que se deben completar para resolver a actual relación contractual.
Esta cafetería, ao ser propiedade dunha entidade privada, non se regula por un réxime de concesión ao uso, é dicir, non está obrigada a convocar un proceso de licitación, senón que pode chegar a un acordo directo cos interesados en explotala.
"Xa hai xente que nos preguntou por ela e polas condicións", sinalan desde Afundación, aínda que por agora non se formalizará acordo algún, insisten desde a dirección.
A concesión do Café Moderno permite aos seus xestores explotar a cafetería do edificio e, ademais, a zona intermedia situada na entrada do salón de actos, dándolle Afundación "total flexibilidade" á hora de organizar o propio servizo de atención ao público.