Poio tramita a súa futura ordenanza municipal de convivencia
Por Redacción
A Concellería de Seguridade Cidadá, dirixida por Marga Caldas, avanza no proxecto de elaboración da futura ordenanza de convivencia cidadá do Concello de Poio.
Este documento previo, que será levado á vindeira Xunta de Goberno, será proximamente compartido a través da sede electrónica do Concello de Poio, no portal de transparencia, co obxectivo de que a veciñanza poida consultar o texto e realizar achegas, antes de que se tramite a súa aprobación inicial.
"Con esta norma temos o obxectivo de crear un marco estratéxico que permita ao Concello contar con instrumentos para favorecer a convivencia entre persoas, así como o bo uso, conservación, protección e goce dos bens de uso público", sinala a edil responsable desta área.
Caldas entende que a futura normativa "permitiranos facer fronte ás novas situacións e circunstancias que poden afectar ou alterar a convivencia".
Neste sentido, a concelleira do goberno local salienta a importancia de que "todas e todos asumamos os nosos deberes neste eido, no que ao respecto á dignidade e liberdade se refire, así como ao mantemento do espazo público nas condicións axeitadas e o control da contaminación acústica".
Deste xeito, o regulamento aspira a dar solución a determinados problemas e situacións que teñen que ver coa organización e autorización de actos públicos, a degradación visual da contorna urbana por pintadas, pancartas e carteis, o uso inadecuado de xogos na vía pública, o consumo de bebidas alcólicas, actitudes vandálicas ou a contaminación acústica.
"Animamos á cidadanía a que revise o documento e faga as súas achegas, xa que esta será a ferramenta que axudará a garantir unha mellor calidade de vida para todas e todos", apuntou Marga Caldas.
PRAZAS DE ESTACIONAMENTO
Por outra banda, a concelleira de Seguridade Cidadá informa de que continúan os traballos de pintado e sinalización de máis dunha ducia de prazas de estacionamento exclusivas para persoas con mobilidade reducida.
Esta actuación estase levando a cabo nos núcleos de San Xoán e San Salvador.
"Seguimos en contacto coa Asociación Amizade para coñecer as súas necesidades e, en caso de que sexa preciso, ampliaremos estas tarefas ao resto do municipio", garantiu Marga Caldas.
Nos últimos días procedeuse a habilitar o espazo situado nas inmediacións do Casal de Ferreirós.