David Torres Mascato será o candidato do BNG ás municipais no Grove
Por Redacción
O BNG do Grove xa ten candidato para as eleccións municipais de 2023. Será David Torres Mascato, o seu actual voceiro na corporación local.
Nos comicios de hai catro anos fora o número 2 da candidatura nacionalista á Alcaldía, tras Heládio Outeiro Padim, que o pasado mes de novembro renunciou á súa acta de concelleiro tras máis dunha década na corporación.
A asemblea local do BNG destacou o perfil do candidato como unha persoa "seria, responsable e de confianza", apoiando a súa candidatura por unanimidade.
Torres deulle as grazas a toda a militancia do BNG por confiar nel tanta responsabilidade.
"É o momento de demostrar que somos unha alternativa de goberno seria, é o momento de falar con toda a veciñanza e contar con eles para decidir o futuro da nosa vila. Temos moito traballo, pero con ilusión e corazón imos dar o mellor de nós", subliñou.
Esa asamblea serviu ademais para inaugurar a nova sede do BNG no Grove, na rúa Luis Casais 3.