A coordinadora comarcal do PSOE estréase preocupada pola sanidade e os incendios
Por Redacción
Os socialistas pontevedreses estrearon un novo órgano de diálogo interno, a coordinadora comarcal, na que están presentes representantes orgánicos e institucionais de Pontevedra, Ponte Caldelas, Forcarei, Fornelos de Montes, Poio, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Soutomaior.
A situación de "emerxencia sanitaria" que atravesa a área de Pontevedra e a inquedanza sobre o aumento das hectáreas arrasadas polo lume na comarca foron os dous principais asuntos que se abordaron nesta primeira xuntanza.
O voceiro desta nova coordinadora, Yeyo Pérez Agulla, denunciou que o PAC da Parda "é un claro exemplo" da precariedade da atención sanitaria, que se agrava en concellos con servizos "minguados" como Ponte Caldelas, Poio ou Cerdedo-Cotobade.
Recortes de persoal, falta de médicos, longas listas de agarda, PAC pechados, saturación das urxencias ou unha atención telefónica "colapsada e ineficaz" son algunhas das eivas do sistema que os socialistas apuntan e que impide que se garanta unha "asistencia digna".
Outra das cuestións que máis preocupa á coordinadora comarcal do PSOE é a "complicada tesitura que se está a vivir no rural", coa eliminación de servizos básicos, a exclusión financeira á que aboca o peche de sucursais bancarias ou a clausura de aulas nos colexios,
Esta "desatención do rural" ten outra das súas consencuencias, segundo Yeyo Pérez, no aumento de hectáreas queimadas na comarca, cos incendios de A Fracha ou Aguasantas.
"Debemos xerar un rural atractivo e viable para a mocidade que queira dedicarse a esta ocupación, xa que crear actividade económica é a mellor forma de loitar contra os incendios. O que non xestionemos nós como sociedade, vaino xestionar o lume", sosteñen os socialistas.