Cando o remo é (tamén) un elemento de cohesión social
Por Redacción
Máis dunha trintena de rapaces e rapazas do Príncipe Felipe tiveron estes días o seu primeiro contacto co mundo do remo. Foi cun curso de iniciación que, con carácter social, impartiron monitores do club de remo Ría de Marín, durante as fins de semana de setembro.
Os novos remeiros, que tiñan entre 11 e 17 anos, tiveron a oportunidade de achegarse ao mundo do mar e á práctica do remo acompañados polos entrenadores e deportistas do club marinense.
O curso incluíu ademais un obradoiro de concienciación ecolóxica e unha batida de limpeza da contorna mariña, na que se recolleron 11 quilos de lixo.
Con estas actividades o club reforza o seu traballo para achegar o mundo do mar e a práctica de remo a colectivos máis diversos e en risco de exclusión social, incrementando a concienciación ecolóxica entre as novas xeracións, especialmente no relacionado co medio mariño.
Esta iniciativa forma parte do proxecto "O remo, elemento integrador na ría" que conta co financiamento do GALP Ría de Pontevedra.
Fundado en 1987 e localizado no porto de Marín, o club de remo Ría de Marín adestra a medio cento de deportistas nas distintas modalidades de remo olímpico.
Froito deste traballo, vén de conseguir moi bos resultados tanto no campionato galego -con varios podios-, como no campionato de España.