Prevista a convocatoria dunha praza de enxeñeiro técnico industrial no Concello
Por Redacción
O Concello de Pontevedra ten previsto a cobertura dunha praza vacante dun posto de enxeñeiro técnico industrial, que pasaría a formar parte da oficina técnica de Medio Ambiente e Infraestruturas.
Anabel Gulías, portavoz do goberno local, anunciaba que este luns se tratou, fóra da orde do día, na Xunta de Goberno, a proposta por parte da concelleira de Persoal, Carme Fouces, para aprobar das bases xerais e específicas para a constitución de tribunais e realización de exame.
Segundo explicou a representante municipal está previsto que no prazo de dous ou tres meses se convoquen os exames para a inclusión deste novo persoal activo dentro dos servizos municipais.
CONVENIO CON AEMPE
Por outra banda, na Xunta de Goberno aprobábase a renovación dun convenio con Aempe (Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa de Pontevedra) para realizar durante o período dun ano diversas actividades relacionadas coa promoción económica e o comercio local. Trátase de publicidade en medios de actividades do comercio local, presenza en redes sociais e asesoramento empresarial, ademais de apoio a propostas da campaña de nadal ou iluminación.
O importe para estas actividades é de 46.000 euros cunha achega por parte do Concello dun montante de 23.000 euros para actividades que se desenvolvan desde abril de 2022 e marzo de 2023.
Tamén se decidía realizar a primeira prórroga anual do contrato de seguro de riscos de vehículos de motor do Concello de Pontevedra por un importe superior a 51.000 euros, exento de IVE. O contrato actual finaliza o 15 de outubro deste ano.
Por outra banda, fóra da orde do día, dábase conta do contrato que quedou deserto relacionado con fondos Edusi, da Unión Europea.
Trátase dun contrato do servizo de asesoramento de promoción económica e acompañamento para iniciativas empresariais destinado a novos creadores. O prezo de licitación era de 172.614 euros con IVE engadido.
Segundo explicaba Anabel Gulías, ao quedar deserto o servizo municipal deberá decidir se volver realizar unha convocatoria ou xestionalo a través dun negociado.