O pleno de Pontevedra dá o pistoletazo de saída á campaña "preelectoral"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Teatro Principal de Pontevedra celebrou este luns o pleno ordinario do mes de setembro que estivo marcado, tal e como recoñeceu o portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, polo inicio da campaña "preelectoral" aínda que as eleccións municipais non serán ata o 28 de maio de 2023.
A cita de Rafa Domínguez produciuse durante a súa intervención para agradecer ao BNG e ao PSOE que apoiasen unanimemente unha moción dos populares na que instaban ao Concello de Pontevedra a realizar os estudos pertinentes para a obtención de bandeiras azuis nas praias do municipio por ser un distintivo de "prestigio” e unha "garantía de calidad" que xera "confianza" na cidadanía.
Foi unha moción consensuada e emendada polo grupo de goberno, que se compromete a estudar a conveniencia de solicitar a bandeira aínda que, segundo dixo o concelleiro socialista Iván Puentes, a día de hoxe as praias xa cumpren cos criterios esixidos para a obtención destas insignias.
FESTIVOS LOCAIS
Outro asunto aprobado por unanimidade polo pleno da corporación municipal foron os festivos locais para o 2023 que serán o martes 11 de xullo, festividade de San Bieito de Lérez, e o Mércores de Cinza, que o próximo ano celebrarase o 22 de febreiro. Ambas as datas son as habituais todos os anos, agás se San Bieito coincide en domingo.
Os festivos de carácter autonómico acordados pola Xunta, que serán o 17 de maio (Día das Letras Galegas) e o 25 de xullo (Día Nacional de Galicia).
MONTES EN MAN COMÚN
Sen embargo, o PP votou en contra da moción conxunta do BNG e o Partido Socialista en apoio a unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para frear a futura Lei de montes veciñais de mancomún impulsada pola Xunta e "protexer" devanditos terreos, xa que os comuneiros cren que busca "privatizalos".
A iniciativa para defender os montes veciñais rexistrada pola Organización Galega de Comunidades de Montes iniciará a súa tramitación no Parlamento.
Entre as propostas máis polémicas da nova lei, segundo explicou o concelleiro do BNG, Alberte Oubiña, estaría o cambio do concepto de comuneiros, o que, segundo interpretan os comuneiros, supoñería abrirlle as portas a empresas privadas como as eléctricas interesadas en instalar parques eólicos ou ás compañías madeireiras.
BOMBEIROS
Pero o maior enfrontamento político suscitouno a moción defendida pola concelleira do PP, Pepa Pardo, para incrementar o número de bombeiros no parque municipal de Pontevedra e a mellora das súas condicións laborais.
Segundo sinalou Pardo, este servizo está baixo mínimos e o persoal sofre unha "sobrecarga laboral" no centro. A edil popular chegou a lembrar ao goberno local que "la esclavitud se abolió hace mucho tiempo" e esgrimiu un informe do servizo de prevención "que dice que el riesgo laboral es importante". Ademais Pepa Pardo reprochou ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores por "tolerar el comportamiento dictatorial de la concejala de personal, Carme Fouces".
Non foi Fouces senón a concelleira de seguridade, a tamén nacionalista, Eva Villaverde quen saíu ao paso dos argumentos do PP para "tranquilizar aos veciños de Pontevedra" respecto a a seguridade deste servizo que o goberno local considera "esencial, importante e prioritario" polo que "non escatimamos en gastos e investimentos" no que é, segundo dixo, "un dos parques mellor dotados do país".
O debate plenario foi seguido por un grupo de representantes da Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra que respondeu con aplausos ás intervencións do PP.