As familias do CEIP San Martiño presentan 514 sinaturas para que Educación sente a falar
Por María José Pita
O pasado 13 de setembro, a Asociación de Pais e Nais (ANPA) do CEIP San Martiño de Salcedo comezaba unha recollida de sinaturas entre as familias do centro ante a falta de resposta por parte das autoridades educativas ás reiteradas peticións de reunión desde que se iniciou o curso escolar.
"Desde o día 7 de setembro vense solicitando reunión co xefe territorial de Educación para expor a situación que provocou o recorte de profesorado na atención dos nenos e nenas que máis necesitan dos recursos educativos públicos. Dita solicitude cursouse por Rexistro, por correo electrónico e mesmo por teléfono, sen que ata o momento o xefe territorial puidese atendernos", manifestan desde a Asociación de Pais e Nais do colexio San Martiño.
Un total de 514 sinaturas foron presentadas na tarde deste luns 26 de setembro por representantes da ANPA no Rexistro da Xunta de Galicia, situado no Edificio Administrativo de Campolongo. Neste caso, piden a intermediación do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, para que poida facilitar que se produza a reunión solicitada de modo reiterado co xefe territorial de Educación, Cesar Pérez Ares.
Á saída do Rexistro da Xunta, as familias dos escolares do CEIP San Martiño protagonizaron unha nova concentración. Neste sentido, fontes da ANPA informan de que non descartan novas mobilizaciones se non se atenden as súas demandas, xa que o curso avanza e o alumnado con necesidade de apoio educativo está desamparado.
RECLAMACIÓNS DO CEIP SAN MARTIÑO
Previo ao comezo do presente curso 2022-23, o CEIP San Martiño de Salcedo solicitou á Consellería de Educación que se aumentase o número de profesionais de Pedagoxía Terapéutica (PT) e que o de Audición e Linguaxe (AL) pasase a traballar a xornada completa, xa que estaba só a media xornada.
Esta solicitude estaba orixinada polo aumento en dous do número de escolares no presente curso e o feito de que ano tras ano se detecte un incremento de alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE), que van desde problemas de aprendizaxe ou linguaxe ata outras necesidades máis urxentes e para as que os pais presentaron o correspondente certificado con diagnóstico e avaliación previa.
Fontes da ANPA sinalan que desde Educación non só non se atendeu a esta demanda, se non que mesmo o profesorado especializado viu reducido sen explicación o número de horas que impartían no centro e, no caso de Pedagoxía Terapéutica suprimiuse unha praza.
Se o curso anterior o CEIP San Martiño contaba con dous profesores de Pedagoxía Terapéutica, un para o ciclo de Infantil e o outro para Primaria, actualmente tan só hai un docente destinado a esta función de apoio, e por tanto tense que encargar de ambos os ciclos. O profesor de Audición e Linguaxe mantén a súa media xornada, imposible para abarcar todo o traballo no centro. Tamén o orientador está a exercer a media xornada. Ambos compatibilizan tarefas e horarios en dous centros escolares.