A irmá de dous empresarios condenados por unha fraude de gasóleo recoñece outra estafa similar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A pontevedresa Mónica C.G. recoñeceu este martes unha estafa continuada na compra de gasóleo que cometeu como administradora dunha empresa de transportes de Pontevedra. A muller asumiu cumprir tres anos, seis meses e un día de prisión e pagar unha multa de 813 euros como única responsable dun delito polo que inicialmente había tres acusados.
A muller debía ser xulgada este martes na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, pero finalmente alcanzou un acordo de conformidade coa Fiscalía que evitou a celebración do xuízo. En virtude deste acordo, recoñeceu os feitos dos que a acusaban e asumiu cumprir a citada condena.
Esta muller chegou á Audiencia Provincial custodiada pola Policía Nacional porque está a cumprir unha condena de prisión por outro proceso xudicial. Xa foi condenada no pasado a dous anos de prisión por un delito de estafa agravada.
Ademais, dáse a circunstancia de que é irmá de dous empresarios que no ano 2015 foron condenados pola Audiencia por un macro fraude de gasóleo, nunha sentenza xa confirmada polo Tribunal Supremo.
A acusación dirixíase inicialmente contra dúas persoas físicas e unha xurídica, unha empresa de transportes de San André de Xeve que agora está en liquidación e na que foron administradores tanto a acusada agora condenada como o outro procesado agora absolto.
Tras o acordo deste martes, o outro acusado resultou absolto porque lle retiraron a acusación ao consideralo "inimputable" por un informe psiquiátrico.
Dáse a circunstancia de que este home fora condenado polo mesmo macro fraude de gasóleo que os irmáns de Mónica C.G.. Trátase de J.A.C., antigo funcionario do Servizo de Vixilancia Aduaneira.
En canto á sociedade desde a que se cometeu a estafa, retirouse a acusación como persoa xurídica, pero vai ser condenada como partícipe a título lucrativo.
Nesta causa que acabou en condena na Audiencia este martes, a acusada recoñeceu, sendo administradora da sociedade en cuestión, dedicada ao transporte de mercadorías por estrada, realizou tres pedidos de 64.000, 64.000 e 96.000 litros de combustible, o vendedor dispúxolle a entrega dos pedidos porque lle enviou un xustificante de transferencia, pero xusto despois de recibilo, ela anulou o pago.
A acusada actuou da mesma forma nos tres pedidos, realizados en tres diías consecutivos de novembro de 2016, valorados en 56.514,94, 56.566,05 e 85.205,85 euros. A Fiscalía sostén que " en ningún caso tiña intención de pagar a cantidade esixida pola compra do gasóleo".
A pesar de que chegou a nomearse tamén administrador ao outro acusado agora absolto, tan só aceptou o cargo co único obxecto de permitir que fose exercido por Mónica C.G., que pasou a administrar de feito a sociedade, asumindo ela mesma todas as decisións da empresa e o control da mesma. O outro administrador outorgoulle un poder polo que lle confería facultades de administración, cobranzas e pagos, actos de disposición comercio e sociedades, negociación de títulos valores e práctica bancaria e en xeral cantas facultades son precisas para a dirección efectiva da sociedade.
Relacionadas:
-
Absolven dous empresarios do sector dos gasóleos acusados de delito fiscal por falta de documentación
Por Natalia Puga |
-
Dous funcionarios de Aduanas e dous empresarios decláranse inocentes no macroxuízo pola fraude do gasóleo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
48 horas para buscar un avogado que o defenda por un delito de hai 15 anos
Por Natalia Puga |
-
Unha fraude chega a xuízo 16 anos despois cun falecido, un fugado, cinco absoltos e doce acordos
Por Natalia Puga |
-
A fiscalía de Pontevedra tratará de pechar un acordo cos 23 acusados da fraude do gasóleo
Por Oskar Viéitez |