O Hiper Froiz de Cobián Roffignac, o supermercado máis barato de Pontevedra segundo un estudo da OCU
Por Redacción
O Hiper Froiz da rúa Cobián Roffignac é, para a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), o supermercado máis barato de Pontevedra para comprar produtos frescos como verduras, froitas, carnes e peixes e para a denominada cesta OCU, a que mellor representa o consumo dos españois.
Este é o resultado do estudo anual de prezos de supermercados realizado pola OCU, que, a nivel de toda España, xa conclúe que 2022 será lembrado como o da gran inflación.
A cesta da compra OCU, a máis ampla, recolle os prezos de 239 produtos, tanto de marcas líderes de fabricante como de marcas brancas. Inclúe alimentos frescos (froitas, verduras, carnes e peixes), alimentación envasada e bebidas, así como produtos de limpeza, droguería e de hixiene, dando a cada produto un peso acorde ao gasto que estima o INE para cada categoría.
Ene o caso da cidade de Pontevedra, o Hiper Froiz ten un índice de 126 na compra fresca e un 114 na cesta OCU, sendo o máis barato en ambas. Con todo, na cesta económica o máis barato é o Carrefour de San Blas, cun índice de 115 fronte aos 119 de Hiper Froiz.
A cadea de supermercados Froiz ten os supermercados máis baratos da cidade. Ademais da súa tenda de Cobián Roffignac, destacan polos seus prezos máis baratos, por esta orde, os establecementos da avenida de Vigo e de Fernández Villaverde, antigo supermercado Moldes.
Na avenida de Vigo a cesta fresca ten un índice de 128 (126 en Cobián Roffignac) e o de Fernández Villaverde, 130. No caso da cesta OCU, o índice é 115 en ambos.
O cuarto supermercado máis barato dos estudados é o Gadis de Benito Corbal, seguido do Mercadona de Juan Bautista Andade, Carrefour e o Dia da estrada de Alba. O máis caro é o Supercor.
O estudo da organización de consumidores alerta de que a cesta OCU subiu un 13% desde 2021 e a económica, a dos prezos máis baixos, un 16,4%. Son as maiores subidas nos 34 anos deste estudo de prezos. O 95% dos produtos encareceuse con respecto a hai un ano.
Os maiores incrementos prodúcense nos aceites de xirasol (+118%) e de oliva (+53%), as fariñas (+50%) e todos os seus derivados, como a pasta (+56%) ou as madalenas (+75%). Son alimentos que se poden ver afectados pola guerra de Ucraína. Tamén os plátanos de Canarias mostraron unha boa subida (+64%), que pode ter relación coa erupción volcánica.
Só hai un pequeno grupo de 12 produtos que rexistraron baixadas de prezos. Algúns pertencen á categoría de hixiene (champú -5%) e outros son froitas como o aguacate (-10%) e o kiwi (-6%), con anecdóticas baixadas que poden ter relación con algunha pequena variación estacional.
A subida de prezo foi xeneralizada e bastante homoxénea, pois moitas cadeas mostraron incrementos de entre no 10 e o 15%. Con todo, hai cadeas que escalaron por encima desa porcentaxe. Os establecementos do grupo Dia son os que máis soben, Dia & Go (17,1%), A praza de Dia (16,2%) e Dia a Dia (+15,2%) e tamén a subida de Mercadona (16,1%), todas elas bastante por encima do IPC do período.