Cruz Vermella toma a Praza da Peregrina para facilitar a procura de emprego
Por Manu Otero
A Praza da Peregrina foi o escenario elixido por Cruz Vermella para dar a coñecer entre a cidadanía pontevedresa o seu plan de emprego. Unha clásica iniciativa que ten como obxectivo facilitar a empregabilidade das persoas máis vulnerables a través da formación e a achega de ferramentas para facilitar a procura de traballo.
Desde primeira hora da mañá e coa intención de continuar pola tarde, un grupo de voluntarios da oenegué ofreceu información a todos os que acudían ás carpas instaladas diante do santuario sobre o uso dos smartphones para a procura de emprego, revisión e optimización de currículos ou consellos para superar unha entrevista de traballo. Sobre estes dous últimos aspectos tiñan programadas tamén senllas conferencias abertas ao público.
O plan de emprego de Cruz Vermella ten como obxectivo achegar ao mercado laboral ás persoas que o teñen máis difícil, mellorando a súa empregabilidade a través do reforzo das competencias profesionais, potenciando as posibilidades de acceder a un posto de traballo á vez que promove a igualdade de oportunidades e de trato no emprego.
No mesmo, diferéncianse distintos proxectos encamiñados a atender as necesidades específicas de cada colectivo: mozos, maiores de 45 anos, mulleres ou persoas paradas de longa duración; así como o proxecto Reto Social Empresarial dirixido a forxar alianzas coas empresas da contorna para xerar oportunidades ás persoas participantes no plan de emprego.
No que vai de ano, Cruz Vermella atendeu na comarca de Pontevedra a 312 persoas, entre os distintos proxectos.
Para o desenvolvemento das actividades do plan de emprego, Cruz Vermella conta coa axuda de 10 persoas voluntarias na comarca e a súa área de influencia, que se encargan de realizar chamadas de información, impartir talleres ou facer rexistro de datos entre outras actividades. Por outra banda, tamén conta coa colaboración de 150 empresas, de diferentes tamaños e sectores, que proporcionan oportunidades laborais ás persoas máis vulnerables, con orientacións, formacións ou prácticas nas súas instalacións.
Relacionadas:
-
Cruz Vermella organiza un encontro coas persoas participantes no Plan de Emprego durante o últimos catro anos
Por Redacción |
-
As panaderías de Pontevedra alíanse con Cruz Vermella para distribuír 15.000 bolsas de papel
Por Oskar Viéitez |
-
Cruz Vermella Pontevedra ofrece axuda a mozos en educación non obrigatoria que queiran seguir formándose
Por Redacción |
-
O 73% das persoas atendidas no último ano polo Plan de Emprego da Cruz Vermella foron mulleres
Por Redacción |
-
Cruz Vermella leva atendidas máis de 6.600 persoas na comarca de Pontevedra debido á crise económica
Por Redacción |
-
Cruz Vermella e Zona Monumental promoven a igualdade de trato no mercado laboral
Por Redacción |