Os informes técnicos constatan que nunca se chegou a aplicar a recarga do 25% no recibo do IBI a segundas vivendas baleiras en Poio
Por Redacción
O goberno municipal do Concello de Poio deu a coñecer un informe elaborado polos departamentos de Tesourería e Intervención, no que se constata que a recarga do 25% no recibo de IBI en segundas vivendas baleiras nunca se chegou a facer efectiva.
Con aquela medida o Concello de Poio apostou para fomentar o arrendamento e a poboación censada, pero foi finalmente descartada pola modificación feita polo Estado na Lei de Vivenda.
Tal e como consta no documento, o recargo declarado ás vivendas, declarado nulo por unha sentenza do TSXG, "non foi aplicado en ningún suposto, polo que non procede a tramitación de devolución de ingresos".
O equipo de goberno incidiu en que "buscabamos un dobre obxectivo con esta fórmula. Por unha banda, incrementar o número de poboación censada en Poio, algo que conseguimos, en vista do importante aumento de persoas rexistradas no Padrón en 2021 e 2022, nos que pasamos de algo máis de 17.000 habitantes a consolidarnos por riba dos 17.300", explica o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, que lembra a importancia que ten este dato, "habida conta de que moitas axudas e subvencións dependen en gran medida da poboación dos concellos". A maiores, tamén se pretendía fomentar e incrementar o alugamento de vivenda.
Con respecto á sentenza xudicial, o goberno municipal lembra que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) baséase no feito de que "a definición que fai a Xunta de Galicia fai de vivenda está aprobada en base a un decreto e non por lei", unha cuestión da que nin sequera fixo mención o PP á hora de presentar o seu recurso contra a medida, que en todo momento contou cos informes favorables pertinentes, dixeron desde o executivo local.
Os dirixentes poienses recalcan, asemade, que foron varios os concellos de Galicia que quixeron apostar por esta fórmula para dar uso ás segundas vivendas baleiras. É o caso, por exemplo, de Marín, que chegou a aprobar unha recarga do 50%.
"O Partido Popular desde o principio foi perfectamente consciente de que esta modificación do IBI nunca se chegou a facer efectiva, pero no seu afán de confundir á cidadanía co único obxectivo de xerar desgaste mesmo chegou a asegurar que o recargo entrou en vigor ao mesmo tempo que o resto de bonificacións aprobadas neste 2022, algo que non é certo e que os informes técnicos así o corroboran", finaliza o goberno local.
Si están operativos os descontos do IBI para familias numerosas con rendas inferiores aos 30.000 euros anuais (50%), para vivendas construídas antes de 2007 que apostan pola instalación de sistemas de eficiencia enerxética (25%) ou para explotación agrarias.
Relacionadas:
-
O goberno local de Poio nega que subira o IBI "ás agachadas" como denuncia o PP
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O PP de Poio pide a dimisión de Xulio Barreiro despois de que o TSXG anulara a subida do IBI ás vivendas baleiras
Por Redacción |
-
A Xustiza dá a razón ao PP sobre unha subida ilegal do IBI que o Concello de Poio nunca chegou a aplicar
Por Redacción |