O colexio de Viñas xa conta cun segundo recipiente para xerar compost
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás, visitou ao alumnado do CEIP Viñas, acompañado pola mestra composteira do Concello de Poio, para facerlle entrega ao centro dun novo composteiro, que se suma ao que xa estaban a utilizar os estudantes do colexio.
Será o alumnado de quinto e sexto de Primaria o encargado de xestionar o dispositivo.
O edil de Servizos Municipais confirmou que desde o departamento municipal se solicitará á Deputación de Pontevedra o selo de calidade en compostaxe tanto para Viñas como para Chancelas, como recoñecemento "ás boas prácticas que están a realizar en materia de tratamento de restos orgánicos".
Casás incidiu na importancia de que as novas xeracións se impliquen neste eido, "as nenas e nenos xogan un papel moi importante na concienciación deste tipo de iniciativa, ao seren transmisoras e transmisores destes valores nas súas familias", indicou.
Precisamente, a Concellería de Obras e Servizos Municipais inicia unha nova campaña informativa para continuar consolidando o uso dos centros de compostaxe comunitarios.
O edil responsable da área, Julio Casás, recorda que hai operativos catro dispositivos no núcleo da localidade e que a pretensión é incrementar esta cifra, habilitando este servizo "noutros lugares de Poio onde se dean as características territoriais para a súa instalación".
Así consta nas cartas asinadas polo concelleiro, que se remiten estes días á veciñanza. Nestas misivas, Casás Barral lembra a necesidade de dar cumprimento á nova lei estatal de residuos 7/2022, que incorpora o carácter obrigatorio da xestión separada da fracción orgánica, algo que ata o de agora é voluntario.
"A implicación da cidadanía é fundamental para continuar mellorando na separación e reciclaxe, conseguindo así que o noso concello sexa máis eficiente tanto económica como medioambientalmente na xestión dos restos ", apunta o edil de Servizos Municipais, que tamén lembra que a materia orgánica supón entre o 40 e o 50% do peso total da bolsa do lixo.
"Cun tratamento axeitado destes restos evítanse emisións de CO2 por incineración, transportes innecesarios e tratamentos pouco sustentables para a materia orgánica", sinala á hora de enumerar as vantaxes da compostaxe.
Na carta recórdase, asemade, que os composteiros comunitarios, que foron instalados hai preto de dous anos ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, están abertos as 24 horas do día para o uso veciñal. As persoas interesadas en apuntarse como usuarias poden facelo chamando ao 604025288, onde tamén poden solicitar compost para o uso en hortas, parcelas ou macetas.
Relacionadas:
-
O colexio de Viñas xa é enerxeticamente eficiente
Por Redacción |
-
San Salvador suma dous novos composteiros en Ferreirós e Ánkar
Por Redacción |
-
O Concello estuda fórmulas para mellorar e aumentar a eficacia do tratamento e xestión de residuos
Por Redacción |
-
Todos os centros educativos de Poio xa teñen composteiro
Por Redacción |
-
O Revitaliza e a Fundación Vicente Ferrer expoñen as súas experiencias sobre a xestión de residuos en Galicia e na India
Por Redacción |
-
Comeza a entrega dos novos composteiros individuais para a veciñanza de Poio
Por Redacción |
-
Aumenta a demanda de compost elaborado nos centros comunitarios de San Salvador
Por Redacción |
-
Poio pagará menos a Sogama
Por Redacción |