O Concello dá a benvida ao novo clúster do comercio electrónico na súa primeira xornada de traballo
Por Redacción
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto coa edil Anabel Gulías, ofreceu este xoves un saúdo de benvida ao clúster do comercio electrónico que hoxe viviu no Pazo de Mugartegui a súa primeira xornada de traballo como agrupación.
Baixo o nome 'Ecommerce Day', os presentes puideron tecer novos contactos e comprobar os primeiros pasos que dá este clúster, que terá a súa sede física no edificio municipal dos Campos, en Mourente. Xosé Luis Reza, presidente do Clúster do Ecommerce Galego, agradeceu ao Concello de Pontevedra o apoio amosado, e tamén sinalou como moi positiva a presenza do alcalde esta mañá.
O rexedor da vila ofrece unhas palabras de benvida a todos os presentes, indicando o orgullo que xera a escolla da cidade como sede física e lembrou que o papel do Concello debe ser apoiar este tipo de proxectos co fin de mellorar a calidade de vida das persoas, tanto dos vendedores como dos compradores.
"Pontevedra debe ser unha cidade posindustrial, co foco posto na innovación e no talento das persoas", sinalou Fernández Lores. "Coido que seguimos os pasos de moitas outras cidades que xa deslocalizaron parte das súas industrias na procura de crear vilas máis modernas e sostíbeis, mellores. É preciso ver Pontevedra como unha cidade 4.0, con piares como as novas tecnoloxías e a creatividade".