Presentan un ambicioso plan para ordenar o monte pontevedrés e planificar a súa xestión futura
Por Alejandro Espiño
Un plan fundamental para que no prazo de 10 anos "teñamos un monte máis sostible e desenvolvamos o noso traballo de forma máis eficaz". Así resumía Juan González, presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra o obxectivo do Plan de Ordenación do Monte presentado este xoves. Un traballo que ofrece unha completa análise das 2.600 hectáreas de monte que hai en Pontevedra, un 22% da superficie total do municipio.
Este Plan de Ordenación parte dun coñecemento exhaustivo dos condicionantes na xestión do monte e dos seus recursos para planificar a súa xestión futura a 10 anos vista. Un aspecto de vital importancia non só para os 3.400 comuneiros, xa que este informe recolle que tendo en conta as súas familias "a superficie veciñal involucra practicamente á totalidade dos habitantes do rural pontevedrés", segundo Laura Nieto, redactora do Plan.
O punto de partida das diferentes comunidades é diferente, xa que a superficie de monte de cada unha varía. Verducido, Ponte Sampaio e San Andrés de Xeve, con cerca do 20% de masa forestal cada unha, son as máis extensas neste sentido. Sumado todo o monte pontevedrés, un 37% da súa superficie forestal é eucalipto, un 22% é piñeiro, outro 22% é mato e as especies frondosas ocupan un 16% da superficie total.
Laura Nieto sinalou que o "principal condicionante" da xestión futura do monte pontevedrés é a "catástrofe ambiental" que provocou no municipio a oleada de incendios de 2006, non só pola perda de masa forestal, senón tamén pola perda de solo debido ás riadas que se produciron a continuación. Desde entón, o Concello de Pontevedra e a Mancomunidade de Montes levan investido xa 2,4 millóns de euros na súa restauración.
Neste sentido, este proxecto está orientado a obter o máximo de utilidades posibles do monte, non só contemplando a súa función económica. Tamén se valoran os múltiples servizos ambientais e sociais que presta, por exemplo o subministro de auga, "un dous apectos máis valorados polos veciños", xa que no rural procede de traídas privadas e colectivas que teñen a súa orixe nos mananciais do monte veciñal.
Para conseguir optimizar eses recursos, este Plan de Ordenación realiza unha zonificación do monte pontevedrés, que segrega en primeira instancia o chamado monte baixo, nos que predomina a función social e a prevención de incendios e, doutra banda, o monte alto, onde se concentra a función produtiva e protectora, que supón a principal fonte de ingresos das comunidades de montes.
Este rendemento económico atópase condicionado porque, debido aos incendios, a maior parte da masa forestal do municipio é moi nova. Aínda que nun principio pensouse substituír o eucalipto por especies autóctonas, nestes momentos esa reforestación "tería un custe moi alto e os ingresos serían moi baixos", polo que se optará por controlar para que non aumente a súa presenza e "lograr os máximos beneficios" coa súa venda.
Pero o aproveitamento económico do monte non se limita á súa masa forestal. O proxecto propón amplialo tamén a especies que, actualmente, teñen un alto valor comercial, como poden ser as castañas ou as setas. Trátase de produtos situados en zonas de propiedade comunal e que, por agora, teñen acceso libre. Este Plan de Ordenación propón que sexan explotadas polas comunidades ou ben cedidas a empresas privadas.
Para rematar, apóstase por potenciar a función cultural do monte de forma ordenada e coordinada entre todos os comuneiros, ofrecendo unha rede de puntos de interese turístico a partir dos recursos culturais, etnográficos e equipamentos existentes, así como unha rede de áreas de esparexemento, todas elas interconectadas a través dunha intensa rede de pistas e carreiros "que permitan o achegamento á natureza a todos os habitantes do municipio".