A Casa Rosada reivindica cunha pancarta a importancia da aposta polo envellecemento activo
Por Redacción
O Concello de Poio súmase este sábado, 1 de outubro, á conmemoración do Día Mundial das Persoas Maiores, e habilitará na Casa Rosada unha pancarta reivindicando a importancia da aposta polo envellecemento activo.
A concelleira responsable da área de Benestar Social, Rosa Fernández, lembra que "a sociedade evoluciona e agora máis ca nunca temos que ser conscientes da necesidade de tratar en igualdade ás persoas de idade avanzada, porque deben contar coas mesmas oportunidades e dereitos co resto da cidadanía".
Desta maneira, Poio súmase á campaña impulsada pola Confederación Estatal de Maiores Activos (Confemac), con motivo do Día Mundial das Persoas Maiores, que a ONU impulsa desde 1990.
Ao adherirse ao programa da Confemac, o Concello de Poio comprométese a difundir os valores que se impulsan a través desta iniciativa, que tamén ten como meta acabar con "actitudes paternalistas que, en moitas ocasións, infantilizan ou minusvaloran a estas persoas".
Rosa Fernández. ecorda que un dos grandes obxectivos do departamento é impulsar ao longo de todo o ano actividades e propostas pensadas para os veciños e veciñas maiores de 65, que tienen máis de 100 participantes cunha media de idade duns 80 anos.
Tamén están a piques de comezar as actividades que forman parte da programación lúdica que, como cada ano, Benestar Social desenvolve ata maio. As primeiras iniciativas en celebrarse serán a partir da vindeira semana.
O luns 3 de outubro comezan as clases de costura, impartidas por Ana Parcero, cunha tarifa mensual de 22 euros. As sesións serán os luns e mércores na Casa Rosada, en dous grupos: de 17.00 a 19.00 e de 19.00 a 21.00 horas.
A vindeira semana tamén arranca o ciclo de calceta-crochet coa técnica Ana Alfonsín, responsable da web www.molanmiscalcetas.es. Neste caso, a cota mensual é de 35 euros, sendo o horario os luns e mércores, de 17.00 a 19.00 horas. Pódese obter máis información acudindo á Casa Rosada ou chamando ao 986872401.