Outubro abre a porta á chegada dunha masa de aire cálido nas Rías Baixas
Por Redacción
O mes de setembro finaliza coa chegada do coñecido como veraniño de San Miguel grazas a entrada en forma de cuña do anticiclón dos Azores sobre Galicia, segundo indica o servizo de Meteogalicia. Con esta situación, ao longo do día espérase unha xornada de ceos con alternancia de nubes e claros. As temperaturas manteranse nas Rías Baixas entre os 9 e os 22 graos. Os ventos soprarán frouxos de dirección variable durante a mañá, cambiando a compoñente oeste co avance da xornada.
O sábado 1 de outubro, gran parte de Galicia permanecerá baixo a influencia anticiclónica, con ventos de compoñente oeste. Espéranse ceos nubrados durante a mañá, con algunha choiva débil e dispersa no litoral da Coruña, coa apertura de claros co avance do día en toda a provincia de Pontevedra. Rexistraranse brumas costeiras, máis probables na segunda metade do día. As temperaturas situaranse entre os 15 e os 24 graos, cun moderado ascenso. Os ventos soprarán frouxos en xeral, de compoñente oeste.
Ao longo do domingo, Pontevedra continuará baixo a influencia das altas presións. Espéranse néboas matinais, tanto no interior das Rías Baixas, que darán paso a ceos pouco nubrados ou con intervalos de nubes altas. As temperaturas mínimas seguirán sen grandes cambios, mentres que as máximas experimentarán un ascenso chegando aos 27 graos. Os ventos soprarán frouxos, de dirección variable pola mañá e de compoñente norte ao longo do resto do día.
A próxima semana comezará baixo a influencia das altas presións e dunha masa de aire cálido con temperaturas máximas de ao redor de 26 graos. Esta situación prevese que quede interrompida o mércores 5 de outubro polo achegamento dunha fronte desde o noroeste de Galicia que aumentaría a probabilidade de choivas no terzo norte e provocaría un descenso das temperaturas.