Gardapescas do Grove fórmanse no uso de drons para loitar contra o furtivismo
Por Redacción
Gardapescas da Confraría de Pescadores de San Martiño, do municipio do Grove, fórmanse durante estes días como pilotos de dron coa intención de empregar estas ferramentas para controlar a pesca e o marisqueo ilegal. A empresa Aerocamaras, especialista en drons, é a encargada en ofrecer a información a estes profesionais para certificarse e poder incorporar estes vehículos aéreos para vixiar a actividade furtiva.
Tras superar a fase teórica, agora están a se preparar na práctica para manexar con habilidade a aeronave. Unha vez que finalice esta actividade obterán a certificación de AESA que lles habilita como pilotos de drons profesionais e poderán comezar a realizar as patrullas de garda con esta tecnoloxía.
Estes aparellos con cámaras permitirán controlar o furtivismo ao ofrecer unha inspección aérea das zonas rochosas e de difícil acceso nas que, en ocasións, buscan percebes, causando danos no hábitat natural. Tamén se poderán utilizar para evitar estas prácticas ilegais na extracción de navallas ou ameixas da ría.
Esta proposta forma parte do proxecto 'Coidamar', que está cofinanciado polo fondo marítimo e de pesca (FEMP) e a Consellería do Mar.