Carmela Silva afirma que a Xunta "mente" por apropiarse como súas unhas axudas procedentes do Goberno central
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, afirmou este venres que "a Xunta de Galicia mente" por apropiarse como súas dunhas axudas procedentes do Goberno central.
"É terrible que o presidente da Xunta minta" dixo en alusión ao titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, ao que lle reprocha "deslealdade institucional" e que trate de "enganar á cidadanía" con anuncios nos que publicita, por exemplo, que a administración autonómica vai financiar dous proxectos de turismo, un na cidade de Pontevedra e outro no Condado-Paradanta, cando "non é certo, non poñen nin un euro".
Segundo explicou a presidenta provincial, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España transferiuse un diñeiro á Xunta que será a que asine os convenios de colaboración coas administracións adxudicatarias para impulsar estes plans de sustentabilidade turística "así que non financian nada". Ademais dos xa citados de Pontevedra e O Condado Paradanta, tamén hai fondos estatais para Sanxenxo, Ribeira, Marín, A Coruña, Baiona, entre outros municipios.
Carmela Silva tamén criticou que a Xunta de Galicia tamén chegou a informar da "reserva" para este ano dun orzamento global de 2,5 millóns de euros destinado á mocidade para axudar na compra da primeira vivenda, aínda que se trata dunha iniciativa do Goberno central a través do Plan Estatal de Vivenda 2022-2025 mentres que a administración autonómica pon "cero euros". E engadiu o "descaro" de anunciar "50% de desconto en autobuses da Xunta" cando, tal e como lembrou Carmela Silva, "o 30% deste desconto é do Goberno do Estado".
"Paréceme intolerable" dixo a mandataria socialista en relación a este "escándalo" que tamén relaciona coa xestión "ineficaz e ineficiente" que fai a Xunta destes fondos nos que prioriza os convenios con concellos gobernados polo Partido Popular fronte ao resto.
"Non queren que cheguen os fondos Next Generation á xente, é terrible", dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
A Deputación reparte medio millón de euros entre organizacións sen ánimo de lucro
Por Redacción |
-
O Goberno de España avala a Axenda Urbana da Deputación de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Deputación reparte 26 millóns de remanentes entre todas as áreas de goberno e para a xestión de fondos europeos
Por Oskar Viéitez |
-
36 municipios da provincia van repartirse 5 millóns de euros do Plan de Recuperación para destinar a comercio e turismo
Por Mónica Patxot & Redacción |