O Camiño Casás de Combarro será máis ancho para facilitar o paso de peóns e vehículos
Por Redacción
Anchear as zonas más estreitas para garantir unha maior seguridade e facilitar o tránsito peonil e de vehículos. Ese será o principal obxectivo da actuación que o Concello de Poio vai a realizar no coñecido como Camiño Casás, situado na parroquia de Combarro.
Os traballos, segundo explicou o edil de Obras e Servizos, Julio Casás, incluirán ademais a ampliación e reforzo do muro de contención do camiño, unha vía secundaria que é moi utilizada pola veciñanza da zona.
A maiores, a obra tamén servirá para levar a cabo unha renovación do pavimento, que nalgúns tramos está nunha situación de deterioro.
O edil apuntou que se está a falar con propietarios de terreos aos que afectará a actuación para acadar as pertinentes cesións.
Este proxecto será executado con fondos propios do Concello e dará continuidade á mellora que xa se efectuou hai uns anos na parte inicial desta vía, que se utiliza de xeito habitual como alternativa á PO-308, especialmente durante os meses de verán.
MELLORA DO CAMIÑO ESPIÑEIROS, EN LOURIDO
Por outra banda, Julio Casás tamén salientou que está a piques de rematar a mellora do Camiño Espiñeiros, en Lourido, na parroquia de San Salvador.
A cuneta tendida e o novo pavimento xa están listos e só falta realizar o pintado, que se completará "en poucos días", garantiu.
Esta actuación contou cun orzamento superior aos 23.000 euros e incluíu a dotación dunha rede de recollida de augas pluviais, renovándose os tramos máis deteriorados e instalándose naquelas zonas nas que aínda non existía.
Agora, as vivendas lindeiras contarán con esta prestación.