Volve a Oktoberfest de Campelo con dous días de cervexa, gastronomía e música na Praza da Granxa
Por Redacción
A Oktoberfest de Campelo, antes da pandemia, era unha cita que xa estaba consolidada no calendario festivo da comarca. Agora, tres anos despois da última edición, regresa con folgos renovados. Será o venres 7 e o sábado 8 de outubro, na Praza da Granxa.
A festa, organizada pola Sociedade Cultural e Deportiva de Campelo, foi presentada este martes por parte das concelleiras de Deportes e Cultura, Marga Caldas e Raquel Rodríguez.
"Para nós é un orgullo e unha alegría que a Oktoberfest volva a ofrecernos dous días nos que a cervexa e a gastronomía serán protagonistas", subliñaron as dúas concelleiras, que destacaron que o evento incluirá ademais propostas para o público infantil.
A carpa abrirase ás 20.00 horas deste venres. Será entón cando se poida comezar a degustar a cervexa e as salchichas, codillo e hamburguesas ata ben entrada a noite.
Porase a disposición dos asistentes cervexa de tres tipos: rubia, tostada e de trigo, todo con prezos populares, segundo garanten os organizadores.
A animación correrá a cargo de La Quinkillada, que actuará ás 22.30 horas, e de Piñeiros Bands, xa pasada a medianoite. A festa continuará ata ben entrada a madrugada co DJ Due.
O sábado, a apertura da carpa, que volverá a emprazarse na Praza da Granxa, será ás 12.00 horas. Tanto o venres como o sábado tamén volverá o OktoberKids, unha iniciativa pensada para as crianzas e que ofrecerá xogos populares entre as 17.00 e as 19.00 horas.
Ademais, a organización habilita un servizo de ludoteca infantil para as dúas noites do venres e do sábado, entre as 20.30 e as 1.30 horas, que incluirá diferentes obradoiros e actividades.
Xa pola noite, volverán os espectáculos musicais, coas actuacións de Monoulious Dop (22.30 horas) e de Gin Toni’s (00.15 horas). O peche da festa estará de novo a cargo de DJ Due.
Ao igual que en edicións anteriores, haberá un autobús gratuíto, que partirá desde a Igrexa de San Roque de Pontevedra e chegará ata Campelo, pasando por Ferreirós, Combarro e A Seara.
Será unha liña que cubrirá este traxecto de xeito regular durante toda a noite, entre as 20.00 horas e as 3.00 horas da madrugada.