O Castro das Croas emerxe de entre as silveiras
Por Redacción
Os concelleiros Luís Bará e Demetrio Gómez visitaron este venres os traballos de recuperación do Castro das Croas, en Salcedo, xunto a representantes da comunidade de montes e de veciños Heroes do Campo da Porta. O Castro das Croas é o asentamento humano máis antigo do concello, duns 2.500 anos.
Os traballos comezaron a pasada semana co desbroce da croa do castro, que ten unha superficie aproximada de unha hectárea. Os traballos consisten na roza manual de silveiras, toxo, xestas, canavais... o que permite visualizar perfectamente o outeiro, e a chan na que se emprazou o poboado castrexo.
A transformación foi moi espectacular, xa que fixo emerxer o recinto castrexo do bosque de herbas, arbustos e árbores que o sepultaba. O desbroce facilita tamén o acceso a pé ao espazo arqueolóxico, que ata agora era completamente intransitable.
A actuación continuará coa corta das árbores do perímetro do recinto amurallado, entre o xacemento e o río do Batán. E realizarase un levantamento topográfico e un traballo de documentación de recheos, canteiras e outras intervencións humanas no ámbito do recinto arqueolóxico.
Nunha fase posterior procederase á excavación parcial do castro, continuando desta maneira os traballos dirixidos a comezos dos anos 90 por Antonio de la Peña, nos que se documentou un treito da muralla no lado este e o muro dunha vivenda no interior da croa. Nos traballos de excavación do castro está previsto organizar un programa de voluntariado para conseguir a implicación da comunidade escolar e da veciñanza da parroquia.
Relacionadas:
-
Nova vida para o xacemento do Castro das Croas
Por Redacción |
-
Novos achados na escavación do Castro das Croas
Por Redacción |
-
Achan 42 anacos de cerámica nas escavacións do Castro das Croas
Por Redacción |
-
A recuperación do patrimonio rural dá un salto adiante cunha escavación arqueolóxica no Castro das Croas
Por Redacción |
-
O xacemento arqueolóxico da Cruz do Castro en Cotobade será recuperado
Por Redacción |
-
A recuperación do castro de Pena Redonda arrancará despois do Nadal
Por Redacción |
-
Veciños de Salcedo comezan a recuperación dos muiños do Batán
Por Diego Torrado |
-
Catro roteiros temáticos descubrirán os tesouros do rural pontevedrés
Por Redacción |
-
Buscan poñer en valor Tomeza e Salcedo, a "milla de ouro" arqueolóxica e natural de Pontevedra
Por Redacción |