O Sánchez Cantón recibe o Premio Nacional de Educación polo desenvolvemento dunha aplicación para móbiles
Por Oskar Viéitez
Un grupo de docentes do instituto pontevedrés Sánchez Cantón acaban de recibir o Premio Nacional de Educación. En concreto trátase do Premio para o uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación como apoio á personalización da aprendizaxe en educación secundaria.
Os profesores, Esperanza Gesteira (Coordinadora), Anxo González e María Rosario Sánchez-Gabriel, presentaron á convocatoria dos Premios Nacionais o seu Proxecto "M-TIC: Programando apps con AppInventor".
Segundo explicaron a súa intención inicial era "implicar o alumnado na súa propia aprendizaxe e traballar dinámicas de grupo formulando proxectos cun nivel esixente en canto a desenvolvemento de competencias e uso das TIC, rompendo a barreira do uso de dispositivos de telefonía móbil dentro da aula".
En resumo con esta aplicación o usuario pode descubrir "tesouros" do patrimonio cultural da cidade de Pontevedra a través dun cuestionario. Mentres dá un paseo polas súas rúas, o usuario desta aplicación para móbil coñecerá obras de arte, elementos arquitectónicos, esculturas de escritores que naceron en Pontevedra e personaxes célebres que deixaron pegada na cidade.
"Espertamos actitudes de emprendimiento e interese social, económico e cultural sobre o noso ámbito con resultados bastante satisfactorios", sinalan os profesores.
Este proxecto espertou tamén grande interese polo Concello de Pontevedra, segundo trasladou o concelleiro de xuventude Demetrio Gómez, "as devanditas aplicacións resultan de grande interese para o Concello de Pontevedra pola utilización que se fai da cidade como recurso formativo e polas posibilidades que ofrecen na súa promoción".