O rural pontevedrés suma medio millón máis en novas obras
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal iniciará de xeito "inminente" novas obras en todas as parroquias do rural. Isto implica, segundo o concelleiro Alberto Oubiña, que durante o último semestre do ano, entre outubro e decembro, executaranse obras por valor de máis de sete millóns de euros.
A maiores das actuacións que xa estaban en marcha, o Concello incluíu un paquete de intervencións que, por valor de medio millón de euros, buscan "mellorar a calidade de vida dos veciños e as veciñas destas zonas", asegurou o edil do BNG.
En Lourizán vaise a mellorar a rede de drenaxes do acceso do Sartán e o Rozo; en Salcedo actuarase na plataforma de acceso ao Carramal e pavimentaranse os accesos a San Brais, O Xistro e A Torre; e en Campañó haberá novo pavimento nos accesos a Riveiro e Casal do Rei.
Ao acondicionamento dos accesos desde Os Fontáns a Maúnzo, en Santa María de Xeve; e de Couso a Bouza de Raxó, en Santo André de Xeve; sumaranse a reconstrución do muro de sostemento no camiño do Tombo e a mellora de accesos na Corval, en Bora.
As actuacións en Marcón centraranse na mellora nas sinalizacións en Pintos e na rehabilitación do acceso do Muíño de Riba á EP-0004, mentres que en Lérez melloraranse os accesos a Couso e Casal Novo e instalaranse medidas de calmado de tráfico na subida ao Castelo.
Xa en Mourente vaise a pavimentar a Rúa do Meixoeiro, mellorarase a contorna do lavadoiro dos Areás e a súa conexión con Monte Porreiro ou as redes de drenaxes en Cons. En Moldes (Campañó), A Ferreira (Lérez) ou A Canicouva tamén haberá medidas de calmado de tráfico.
A este lote de obras, ás que se lle suman ademais as relativas ao saneamento e abastecemento de agua ou á renovación do alumeado, incorporouse nos últimos días os traballos para o núcleo de centralidade de Marcón, a carón da Casa da Cultura e o campo da festa.
Neles invístense máis de medio millón de euros para mellorar as conexións peonís entre este núcleo e os lugares de Sabarís, Valadares e Pazos. Ademais, tras refacer o parque infantil e instalar un campo de petanca, habilitaranse dúas plataformas para desenvolver actividades "en mellores condicións", segundo o coordinador municipal do rural.
Relacionadas:
-
Comeza a reforma integral da conexión do núcleo de Ponte Sampaio e Cacheiro, na Canicouva
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez afea a "política de anuncios" do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
O acceso á Peralba abrirá o xoves ante os avances na obra da nova ponte
Por Redacción |
-
O verán non para as obras no rural, que seguen "a bo ritmo" en Campañó, Mourente e Marcón
Por Redacción |
-
O soterramento da tubaxe de abastecemento continúa por Albeiro Sur e Vilafranca
Por Redacción |