Os socialistas de Marín advirten de que levarán ao Xulgado o acordo da auga con Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do PSdeG PSOE de Marín advertiu este venres mediante un comunicado que están dispostos a levar ao Xulgado o acordo da auga subscrito entre a alcaldesa de Marín, María Ramallo (PP) e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG).
Sosteñen que no anterior mandato o alcalde socialista, Francisco Veiga, soportou "críticas e presións constantes" pero "entendiamos que tiñamos razón e defendiamos os intereses de Marín e os marinenses ata o final, e non nos foi tan mal cando a xustiza nos deu sistematicamente a razón e rexeitaba as pretensións de Pontevedra".
"Agora, despois de anos de defensa dos intereses xerais de Marín vemos indignados como a señora Ramallo cede ás presións e faille un regalo de 800.000 euros ao Concello de Pontevedra. Non tiña motivos para ceder, nin xurídicos, nin políticos, nin sociais, e é por iso o noso enfado e tristura porque o convenio que asinou é innecesario e prexudicial para os marinenses", di o comunicado.
Os socialistas afirman que a alcaldesa, María Ramallo, "aínda terá que aclarar moito neste tema", e o preguntan "en que se beneficia a Marín deste acordo?" ou se recibiu presións por parte do seu propio partido para que desbloquease este asunto e "facilitar así a retirada das múltiples demandas do Concello de Pontevedra cara á Autoridade Portuaria".
Insisten dende o PSOE que o acordo alcanzado é prexudicial para Marín pero pregúntanse se é legal e se os xuristas do Concello informaron favorablemente.
Por último, os socialistas advirten "imos intentar deter este acordo tan nefasto por todas as vías posibles, sen descartar a xudicial".