No estacionamento do IES Cotobade só se permitirá aparcar un máximo de 15 minutos de luns a venres
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade emprenderá unha reordenación das zonas de estacionamento nas proximidades do IES Cotobade, en Tenorio, unha vez que rematen as obras de construción da senda peonil e o aparcadoiro do instituto.
A intención do Concello é deixar estacionar nesa zona un máximo de 15 minutos, de luns a venres, "o que favorecerá a rotación dos vehículos que acudan con alumnos do centro educativo e evitará a saturación de coches na zona", sinalan dende o executivo local.
A humanización do entorno escolar de Tenorio completarase coa construción dunha nova senda peonil en formigón ocre con borde en pedra entre a Escola Infantil Galiña Azul e o Instituto de Cotobade e coa creación dun aparcadoiro que permita garantir a seguridade viaria do alumnado e da comunidade educativa.
Esta nova actuación nesta zona escolar e de servizos deportivos, que conta cunha achega de 50.000 euros do Plan Concellos da Deputación, súmase ao proceso de humanización levado a cabo na conexión entre o colexio e as pistas polideportivas de Tenorio coa finalización da beirarrúa nova que dá sentido á senda peonil, a canalización de augas pluviais, retranqueo de postes e colocación de iluminación led, así como unha renovada sinalización horizontal e vertical da zona para ordenar e mellorar a seguridade viaria, etc. na que se levan investido un total orzamentario que supera os 118.000 euros.
Este proceso de humanización que leva a cabo o goberno de Jorge Cubela xurde para dar resposta a unha serie de demandas da comunidade educativa como a mellora da seguridade vial no acceso á zona escolar e pistas polideportivas de Tenorio. Aproveitouse a pasada actuación para realizar o retranqueo dos postes do tendido eléctrico existentes e canalizar baixo terra tamén as liñas de telecomunicacións que discurren por onde vai o trazado peonil. Deste xeito gañouse en espazo e se mellora a imaxe da zona.