O gastroespazo do Mercado resiste baixo mínimos á espera dun novo impulso
Por Manu Otero
O repentino peche do Bar Plaza deixa só cinco locais de hostalería en funcionamento na primeira planta da mercado de abastos de Pontevedra: A Batea, A Fervella, Na Póla, Umami Poke e Olmos Gastrobar. Os seis restantes, que inauguraron este espazo en agosto do 2019, foron pechando de forma paulatina tras o estalido da pandemia da covid-19.
Con todo, aínda hai motivos para a esperanza. Ou iso aseguran desde a concellería de Promoción Económica, departamento que se ocupa da xestión do Mercado. "Estamos a traballar na licitación. Promoción Económica ten máis que feito o seu traballo e estamos á espera do informe dos servizos técnicos do Concello. Non me cabe ningunha dúbida de que a xente se vai presentar de forma masiva porque estamos a recibir moitas chamadas de xente que quere un espazo dentro", argumenta a edila Yoya Blanco.
Aínda non hai data para a saída deste concurso e os hostaleiros que aínda resisten na primeira planta da praza viven o proceso con desconfianza. "Levamos un ano esperando por eses informes", comentan.
A convocatoria consta de 19 postos que ocuparán un total de 25 casetas. Ademais tamén sairá a concurso a concesión do recentemente pechado Bar Plaza. A que está asegurada, confirma Blanco, é a presenza do Carlos Oroza, que dispoñerá dun posto para que os alumnos de último curso das súas titulacións de hostalería leven a cabo prácticas e proxectos académicos. Do mesmo xeito, se Pontevedra resulta elixida Capital Española da Gastronomía para o próximo ano, haberá un posto dedicado a este logro no Gastroespazo.
Desde o goberno local seguen defendendo que o espazo gastronómico da praza de abastos non está morto. "Hai uns días estivemos alí coa exposición do Colexio de Arquitectos de Galicia, segue habendo dinamización e campañas de promoción e estamos a traballar intensamente na decoración do Nadal, que sempre é chamativa, pero este ano será espectacular", declara a concelleira socialista.
Aínda así, recoñece que a pandemia supuxo un duro golpe para este recinto. "É verdade que hai algunha baixa derivada de enfermidade de xente moi proactiva no mercado e tamén de xente que tiña un negocio fóra do mercado e como consecuencia da pandemia decidiu continuar só co negocio de fóra", xustifica Blanco.
Con todo, entre o empresariado do Gastroespazo reina o pesimismo e critican que a falta de iniciativas e de flexibilidade coa normativa impide o crecemento dos negocios. Quéixanse os hostaleiros de que non está permitido colocar unha televisión para seguir eventos deportivos, que non se reparan nin se repoñen os elementos do mobiliario danados, de que o horario de servizo os fai competir en inferioridade de condicións cos locais de fóra do mercado ou de falta de visibilidade, atrativos e promoción que seduza aos consumidores. "É certo que non hai unha marca que exerza de locomotora, pero se non lle dás facilidades a locomotora vaise ou non vén", explican na primeira planta.
Un punto no que coinciden todos os implicados é que a pandemia e as posteriores restricións marcaron un antes e un despois no funcionamento do Gastroespazo. Moitos deles nunca volveron levantar o enreixado e outros decidiron abandonar como consecuencia da caída de clientes e da rixidez das restricións.
O certo é que tres anos despois da inauguración dun espazo gastronómico que xerou unha gran expectación, a primeira planta do Mercado está en declive e só a chegada de novos establecementos pode facer que remonte o voo.
Relacionadas:
-
O mercado de Pontevedra, un laboratorio pioneiro en España
Por Natalia Puga |
-
O Carlos Oroza ocupará tres postos do gastromercado
Por Alejandro Espiño |
-
O PP critica a imaxe "desoladora" do Mercado por "falta de implicación de BNG e PSOE"
Por Redacción |
-
Estrean no Mercado a exposición 'Obras Galegas Premiadas na XV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo'
Por Redacción |
-
Os incidentes no 'gastromercado' deste verán, pendentes da análise de informes policiais
Por Redacción |