Propoñemos neste podcast 'Cara a cara' que saias a dar un paseo pola túa cidade coa mirada atenta e a vista alta. Que mires aos rótulos comerciais que atopes ao paso. Haberaos recentes, outros non tanto e algúns din que levan anos aí colocados. É posible que algúns traian recordos, ou non, é posible que pasases diante infinidade de ocasións sen que reparases neles.
O que é inapelable é que eses elementos da paisaxe urbana falan do que foron e agora son as cidades e os seus barrios. Teñen interese desde varios prismas artísticos: tipográfico, de deseño, fotográfico, arquitectónico,... Por razóns como estas en 2020 fundouse a Rede Ibérica en Defensa do Patrimonio Gráfico despois de que profesionais, entidades e particulares que viñan desenvolvendo o seu interese polos rótulos comerciais, decidisen axuntar a súa acción.
"Era o momento adecuado para ter unha continuidade e visibilidade maior estando todos unidos" comenta a interlocutora que nos acompaña en PontevedraViva Radio, Ana Cocho Bermejo, unha arquitecta galega que tivo o seu punto de visionaria a comezos da década do 2000 cando comezou a documentar os rótulos comerciais da Coruña. Ese inxente traballo fixo que contactase co Colexio de Arquitectos de Galicia, que interesados, publicárono en papel ('Rotulados') . Diversos profesionais hoxe defíneno como "un libro de culto".
Ana Cocho forma parte da Rede de Patrimonio Gráfico que concita perfís cuxo nexo é "divulgar que é un patrimonio que hai que protexer, gardalo e catalogalo e mesmo, rescatalos para que non perezan". Patrimonio que acompaña a establecementos que pechan, que se traspasan, ou que cambian de localización. Formar parte é totalmente gratuíto e calquera persoa interesada pode colaborar con fotografías acompañadas do hashtag #patrimoniografico