Haberá segunda edición do programa Descubre Poio destinado ao sector turístico
Por Redacción
A tenente de alcalde e responsable de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), confirmou que haberá unha segunda edición do programa Descubre Poio co fin de seguir impulsando ciclos formativos gratuítos para profesionais do sector e novas reunións de traballo para definir as liñas estratéxicas a seguir en 2023.
Tras a "gran acollida que tivo" a primeira edición, Díaz explicou que desde a Concellería de Turismo "apostamos por repetir esta experiencia" xa que "foron as propias persoas que traballan no sector turístico as que nos animaron a continuar co programa".
A tenente de alcalde ten claro que esta "é unha ferramenta moi útil e efectiva, posto que nos permite manter unha canle aberta co sector para coñecer as súas inquedanzas e necesidades, así como para tomar nota das propostas e suxestións que desexen facer".
Silvia Díaz, ademais, adiantou que, igual que a primeira edición, esta desenvolverase en tempada baixa. "Temos claro que queremos manter as reunións de traballo, que resultaron moi efectivas á hora de valorar as fortalezas de Poio como destino turístico, así como para detectar necesidades do sector", sinala a edil do Goberno local, que tamén adianta que se volverán a ofrecer cursos de formación para profesionais, para as que están elaborando un catálogo de propostas e "levaranse a cabo as que conten cunha maior demanda por parte do sector", indicou.
A primeira edición do Descubre Poio celebrouse entre novembro de 2021 e xaneiro de 2022, datas nas que impulsáronse diferentes ciclos sobre comunicación para negocios, o uso de novas tecnoloxías ou a potenciación da imaxe de marca, entre outros. As reunións foron "moi útiles para definir actuacións e iniciativas a desenvolver desde o Concello, para dar resposta ás necesidades dos e das profesionais".
Como obxectivo para este ano, o programa quere ampliar o número de participantes, recoñece Silvia Díaz, que salienta a importancia de aproveitar o programa para outras cuestións, como a ampliación de información dos servizos que se ofrece a través da páxina web de Turismo de Poio, na que se pon a disposición dos usuarios e usuarias datos de contacto, horarios e servizos de establecementos de hostalería ou aloxamento, entre outros.
Relacionadas:
-
O programa 'Descubre Poio' afondou na utilidade e eficacia das redes sociais
Por Redacción |
-
Novas formacións, xuntanzas temáticas e campañas promocionais para consolidar a Poio como destino sostible
Por Redacción |
-
Profesionais do sector turístico visitan Tambo
Por Redacción |
-
Novas sesións formativas do programa Descubre Poio para profesionais do sector turístico
Por Redacción |