O orzamento para 2014 aprobarase a próxima semana e superará finalmente os 66 millóns de euros
Por Alejandro Espiño
Recta final para o novo orzamento. As contas municipais para 2014 ascenderán finalmente a 66.073.864,13 euros, un 4,84% con respecto ao último orzamento. As modificacións con respecto ao borrador presentado hai varias semanas, que se cifraba en 65 millóns de euros, non só se deben ás negociacións entre BNG e PSdeG-PSOE. Maioritariamente correspóndese co incremento do canon que prevé aplicar Sogama.
"Son uns orzamentos expansivos", sinalou o concelleiro de Facenda, Raimundo González, fronte aos recortes doutras administracións. Con eles, o goberno municipal busca "incidir de forma positiva na economía local, nunha situación no que o problema principal dos cidadáns é o desemprego, pero todo na medida das nosas posibilidades, porque todo o mundo sabe que a nosa incidencia na economía local é a que é".
Con respecto ás grandes cifras deste orzamento, Raimundo González destacou o crecemento que experimentan os investimentos. Entre os que executará directamente o Concello e nos que participará remitindo capital a outras administracións, alcanzaranse os 8,33 millóns de euros, un 37,63% máis que hai dous anos. Haberá un notable aumento no rural, onde sen contar as obras de Acuaes, os investimentos aumentarán un 55%.
Entre elas destaca a mellora na accesibilidad rural e urbana (2,37 millóns), rehabilitación integral de rúas (1,54 millóns), o convenio con Acuaes (957.000 euros), alumado público (550.000 euros), casas de cultura (412.000 euros), xardíns e zonas verdes, rede de sumidoiros e a rehabilitación de edificios e outras construcións (300.000 euros cada un), mobiliario urbano e contedores (230.000 euros) ou parques infantís (100.000 euros).
Ademais, subirá o orzamento daquelas concellarías vinculadas a cuestións de índole social, como Promoción Económica, que recollerá un plan de emprego valorado en 150.000 euros, ou Benestar Social, que segundo o edil nacionalista, crecerá non só nominalmente, un 2,66%, senón que o Concello asumirá os 300.000 euros que deixará de ingresar a Xunta en drogodependencia ou atención domiciliaria, polo que o "aumento real" alcanzará o 13%.
AUMENTAN OS GASTOS CORRENTES
As outras dúas grandes partidas deste orzamento son as relativas ao capítulo de persoal, que alcanza os 20.125.764,56 euros, 115.000 máis que en 2012, e aos gastos correntes que crecen un 5,53% ata superar os 29 millóns de euros. Esta subida débese ao maior custo da electricidade e dos contratos de auga e lixo, pero case un 40% da mesma son os 525.000 euros adicionais que haberá que abonar a Sogama como consecuencia do 'taxazo'.
Fronte a estas previsións de gastos, o Concello de Pontevedra espera un "bo comportamento" dos ingresos. Incrementarase un 10% a partida de case 26 millóns de euros. Isto é debido, segundo o goberno municipal, principalmente á maior recadación que experimentará o IBI, o imposto de actividades económicas ou as taxas a empresas eléctricas, telefónicas ou de gas coa revisión que se puxo en marcha recentemente.
En canto aos préstamos, solicitaranse únicamente 2,95 millóns de euros, o que xerará un notable descenso dos gastos financeiros, ao reducirse os intereses e as amortizacións de préstamos en vigor. En intereses pagarase un 24% menos, baixando dos 800.000 ata os 600.000 euros; mentres que as amortizacións descenderán un 16,6%, ata situarse nos 3 millóns de euros.
Unha vez consensuado este orzamento entre os socios de goberno, este martes será ratificado polas xuntas rectoras do Instituto Municipal de Deportes e do Pazo da Cultura e polo consello de administración de Turismo de Pontevedra. Trala súa entrega aos concelleiros do Partido Popular, o seu paso polas correspondentes comisións e a obrigada audiencia cos representantes sindicais, a súa aprobación definitiva producirase a próxima semana nun Pleno extraordinario da corporación municipal.
Relacionadas:
-
Apróbase no Pleno, sen sobresaltos, o orzamento municipal para 2014
Por Oskar Viéitez |
-
O PP presenta 55 enmendas aos orzamentos municipais e propón un plan de emprego local
Por Redacción |
-
Moreira descualifica o orzamento municipal e asegura que aporta "poco pan y mucho circo"
Por Alejandro Espiño |
-
Antón Louro asegura que as contas para 2014 "non son os presupostos do PSdeG-PSOE"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
BNG e PSOE ratificarán a próxima semana o acordo para aprobar o presuposto
Por Redacción |
-
O orzamento municipal para 2014 superará os 65 millóns de euros, un 3,3% máis que o anterior
Por Alejandro Espiño |