Fernando Olmedo, un barrio afundido entre o enfado e a resignación
Por Manu Otero
Tres anos despois, a rúa Fernando Olmedo e toda a súa contorna volveuse converter nunha piscina olímpica. Centos de litros de auga brotaron na madrugada do sábado dos sumidoiros para asolagar a vía pública, baixos comerciais e garaxes para desesperación dunha cidadanía obrigada a convivir con estes desastres ano tras ano.
As choivas torrenciais coincidiron coa pleamar e o regato de Valdecorvos, que cruza esta céntrica rúa, é incapaz de evacuar todo o seu caudal ao Lérez, que acaba asolagando todo o barrio.
"A auga chegounos á altura dos xeonllos, os danos son cuantiosos. Cando chove así e está a marea alta, levántanse as arquetas e asolágase todo", explica o propietario dunha tenda de roupa e arranxos téxtiles afeito lidar desde fai máis de tres décadas con este problema.
Non é o único que o toma con resignación. "Hai que aguantar, desde os anos oitenta que pasa isto e agora coa reforma dá rúa segue pasando. Daquela xa houbo manifestacións", lembra o propietario dun almacén de pensos situado na esquina de Fernando Olmedo con Casimiro Gómez.
A súa tenda librouse por centímetros dos efectos da auga, pero comparte preocupación cos seus veciños. "Uns din que hai que cambiar o cauce do regato, pero eu non sei", suxire o comerciante como posible solución a estas recorrentes inundacións.
Por sorpresa colleu a riada á propietaria dunha tenda de alimentación que abriu hai tres meses nesta rúa. "Abrín hai tres meses con moito esforzo, pero eu non sabía que nesta rúa pasaba isto, ninguén me avisou. Eu traballo 16 horas, pechei ás doce e cando volvín ás seis atopeime todo asolagado", lamenta a empresaria.
"Perdín mercadoría, neveiras... Ademais fixera un pedido grande polo festivo e que despois de varios meses de moito traballo empezaba a ter a tenda como eu quería", lamenta a emprendedora preocupada por se o seguro cubrirá todos os danos.
Fartos de que este tipo de sucesos se repitan de forma habitual cada vez que chove con intensidade están moitos dos residentes en rúas como Fernando Olmedo, Casimiro Gómez ou Padre Gaite. Rexeitan o argumento de que non existe unha solución. "Nos Países Baixos viven por baixo do nivel do mar e alí non pasan estas cousas, así que algo se poderá facer. Hai que querer e meter o diñeiro onde fai falta", protesta un veciño de Padre Gaite que perdeu o seu segundo coche como consecuencia da inundación do seu garaxe.
Non só se amosan molestos polos danos causados pola inundación, denuncian que durante a noite e a mañá posterior o cheiro era insoportable. "Dos sumidoiros saía un cheiro a excrementos, debe ser que tampouco están moi limpos", critica.
Neste sentido, confían en que a proposta que estuda o Concello de instalar balsas para inundacións na parte alta do regacho de Valdecorvos sirva para emendar este recorrente problema. "Igual esa é unha boa solución", suxire outro veciño sentado na terraza dun bar desta rúa que tamén sufriu os efectos da riada.
Todos teñen claro que é urxente atopar unha solución ás inundacións que suceden cada inverno na rúa Fernando Olmedo, pero tamén son conscientes de que esta non chegará pronto. Por iso, resígnanse a seguir convivindo coas riadas e os seus efectos.
"Terei que poñer unha táboa ou algo para que a próxima vez non entre a auga", plantéxase a autónoma recentemente chegada á rúa. "Hai que ter coidado onde deixas o coche cando chove así", engade outro dos afectados que conclúe, en ton de broma, "igual o próximo día de choiva volvemos vernos aquí".
Relacionadas:
-
O Concello convoca á veciñanza de Fernando Olmedo para explicar o proxecto que acabará coas inundacións
Por Redacción |
-
Lagoas artificiais en Valdecorvos, a solución municipal para as inundacións en Fernando Olmedo
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra ve "case imposible" impedir as inundacións en Fernando Olmedo e estuda medidas para "mitigalas"
Por Alejandro Espiño |
-
A choiva provoca inundacións en varias rúas de Pontevedra
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada