Nun momento no que o activismo ambiental está no foco, cuestionado por accións que atacan obras de arte para chamar a atención mediática, falamos neste podcast 'Cara a cara' de 'artivismo' e facémolo cun artivista, Manuel Alaníz, educador artístico de nacionalidade nicaraguense. Estes días está en Pontevedra a pedimento da iniciativa People&Planet da que participa o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Preguntámoslle polo seu parecer sobre esas agresións a obras artísticas en Museos e considera que "non necesito destruír algo que é parte do patrimonio da humanidade e que ten un valor histórico. Hai diferentes formas de facer activismos máis amigables". E a iso é ao que dedica a súa actividade profesional na fundación Funarte, unha organización civil sen fins lucrativos que xurdiu en 1989 en Nicaragua como iniciativa de participación de nenos e adolescentes na realización de murais. A intención é que esta poboación teña acceso a un espazo onde manifestar o seu sentir, as súas problemáticas.
Manuel levou este 'artivismo' por varios países de Latinoamérica, Europa e Asia. Cre fírmemente na arte como "forza transformadora". Tamén acode a PontevedraViva RadioCarmen Novas, integrante do Fondo Galego desde a área de comunicación - único socio español que participa en People&Planet xunto a oito países da Unión Europea e Cabo Verde -. O obxectivo é involucrar aos mozos na loita contra o cambio climático adquirindo novos hábitos e promover que os gobernos tamén faciliten ese cambio.
Pontevedra acolle desde este mércores ata o venres 4 de novembro a reunión de todos estes socios para facer balance dos dous anos de traballo e coñecer metodoloxías que poida adoptar cada país participante. Ademais o público xeral poderá acudir á master class que Alaníz ofrecerá este mércores ás 19.00 horas na Facultade de Belas Artes.