O Papa Francisco nomea Bispo auxiliar de Santiago ao capelán da Cultural Leonesa
Por Oskar Viéitez
O Papa Francisco nomeou ao presbítero Jesús Fernández González como bispo auxiliar de Santiago, archidiócese á que pertence a comarca de Pontevedra.
O arcebispo titular da Diocese, monseñor Julián Barrio, expresou o seu agradecemento ao papa Francisco por esta decisión e deu a súa benvida ao novo bispo auxiliar.
"Ao coñecer este nomeamento, a Igrexa en Compostela invita a todo o pobo fiel, e á sociedade en xeral, a ofrecer unha cálida acollida a Don Jesús Fernández González e a brindarlle o seu apoio e colaboración dende o primeiro momento en que asuma as súas novas responsabilidades pastorais", sinalan dende a arquidiocese nun comunicado.
O novo bispo auxiliar de Santiago de Compostela naceu o 15 de setembro de 1955 en Selga de Ordás, provincia e Diocese de León e foi ordenado sacerdote por Monseñor Fernando Sebastián Aguilar, Bispo de León, o 29 de xuño de 1980.
Na actualidade, Jesús Fernández González era, dende o 1 de setembro de 2010, Vicario Xeral da Diocese de León e estaba encargado tamén da atención ao clero. Jesús Fernández foi ademais porteiro titular da Cultural ata que colgou as luvas o domingo 30 de novembro de 1986. O 'Pater' Jesús é aínda o capelán da Cultural e Deportiva Leonesa S.A.D. dende hai unha quincena de anos.
Nas súas primeiras declaracións públicas tras coñecer o nomeamento Jesús Fernandez dixo que como "Leonés, amante de mi tierra, de su cultura y de sus gentes, si me lo permiten, aprenderé a su lado a vivir como un gallego adoptivo. Será un honor".